Inicio Carballo ao día Hemeroteca Pentación Espectáculos, Premio do...

LUNS 1 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS

Pentación Espectáculos, Premio do Público 2009, pecha o FIOT cos 'perdedores' do seu "Karaoke"

Sábado 30 de outubro do 2010

A idea de "Karaoke" xorde do éxito de "Mentiras, incienso y mirra", creada polos mesmos autores, Juan Luis Iborra e Antonio Albert. Nela a soidade, a incomunicación, o temor ao fracaso, a aceptación dun mesmo ou o maltrato psicolóxico son os protagonistas. Moitas das enfermidades da sociedade paralizan ás persoas, déixanas inertes ante a necesidade de avanzar, de medrar, de madurar. Son tantos os medos que se superarían coa axuda dos demais: o amor e a amizade bastarían para acompañarnos na dura viaxe que supón a vida. Poren, todo parece levarnos polo camiño máis longo e duro: perdidos, sen guía, só recibindo golpes do destino. Todos os personaxes da obra sofren algún tipo de castración emocional. Coñécense e recoñécense nun local ao que acoden outros coma eles, descoñecidos que non queren falar, que só queren desafogar os seus corazóns ao son dunha canción, da súa canción. Ese parece ser o único momento que lles fai ser algo felices: o aplauso dos clientes do karaoke é a recompensa que recompón a súa ferida auto estima. E "Karaoke" é unha comedia amarga chea de esperanza.

Pentación regresa a Carballo coa súa estrea máis recente. Esta gran compañía ten unha traxectoria de máis de vinte anos e 61 espectáculos producidos e 58 premios que teñen sido concedidos ás súas obras, actores, actores, directores e produtora, incluído o Max 2005 ao mellor empresario privado. Levan 29 producións executivas e distribucións, sumando 90 produtos teatrais que se teñen estreado coas súas respectivas xiras. Desde a súa fundación apostaron por un teatro de interese para o público de hoxe, con temas e historias actuais, renovando a linguaxe, os temas e os autores teatrais. Na actualidade o presidente da empresa é Jesús Cimarro, produtor tamén de "Karaoke". As entradas para todas as funcións do FIOT están esgotadas, pero quen queiran asistir a algún dos espectáculos teñen unha última oportunidade. Así, aínda que non hai billetes, os interesados e interesadas teñen a posibilidade de acceder ao espectáculo, acudindo o mesmo día da representación a partires das 20.30 horas ao despacho de billetes, onde se poñen á venda aquelas entradas que non foron recollidas polos espectadores que tiñan reserva telefónica previa. Os interesados e interesadas en obter máis información poden consultar a páxina web do FIOT: <www.fiot.org>. Tamén en Facebook: FIOT Festivaloutonoteatrocarballo.

Compartir: