Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello amplía o cupo de participantes...

ATÉ O XOVES 11 DE NOVEMBRO

O Concello amplía o cupo de participantes e os prazos de inscrición do I Festival de Curtas rodadas con móbil

Venres 5 de novembro do 2010

O I Festival de Curtas enmárcase dentro da celebración das III Olimpíadas Tecnolóxicas que este ano estarán dedicadas ao sector audiovisual e ás novas tecnoloxías. No caso do festival, os participantes realizarán a súa propia curtametraxe, dun máximo de 2 minutos de duración, tan só co seu teléfono móbil. Poderán participar un máximo de 5 equipos de entre 4 e 6 persoas que serán admitidos por rigoroso orde de inscrición. No Festival poden participar persoas maiores de 10 anos que estean interesadas nos medios audiovisuais e nas novas tecnoloxías, sen importar cales sexan os seus coñecementos sobre a materia porque nos obradoiros recibirán cumprida información sobre cómo rodar a curta. Un dos membros do grupo debe ter un móbil con cámara de vídeo, e estarán excluídas tanto as cámaras dixitais como as PDA. Os menores de idade precisarán dunha autorización dos pais/nais ou titores para poder participar. Os 'cineastas' terán a oportunidade de que os seus traballos se publiciten a través das principais plataformas de vídeos na rede como Youtube, Vimeo ou MySpace.

Así mesmo, haberá premios para os participantes, acompañados duns pequenos agasallos. As categorías son: Mellor Curta; Mellor Guión; Mellor Idea Orixinal; Mellor Interpretación masculina; Mellor Interpretación Feminina; Mellor traballo de Posprodución; Premio do Público. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Gillín, subliña que esta iniciativa está enmarcada dentro da celebración das III Xornadas Carballo PortaAberta. Se as primeiras Olimpíadas Tecnolóxicas dedicáronse á xeoreferenciación e as segundas ao manexo das redes sociais, as primeiras Xornadas PortaAberta dedicáronse ao funcionamento da Administración Electrónica e as segundas á TDT coincidindo co apagón analóxico. Neste caso, as terceiras xornadas seguirán a liña das Olimpíadas e abordarán a irrupción das novas tecnoloxías no sector audiovisual. Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova as bases do Festival en pdf, así como a solicitude de participación ou o cartel anunciador da iniciativa.

Compartir: