Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición "Rosalía sempre...

ATÉ O 14 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA

A exposición "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!" ofrece unha novidosa visión da poetisa

Venres 5 de novembro do 2010

Alberto Ansede subliñou durante a rolda de prensa a cualidade de Rosalía de Castro como a escritora galega máis universal, e moi vencellada a Manuel María, de aí a vontade da Fundación de render homenaxe á súa memoria. A autora "é unha figura central das nosas letras" e "fundadora da nosa literatura" e asegura que os galegos teñen que estar "orgullosos de ter unha escritora de tan elevada talla". A pesares da súa relevancia, existen falsos mitos sobre a poetisa que hai que desbotar. "Non é xusto que se nos presente a Rosalía como unha figura tardía, sensibleira ou feble, cando é unha figura central, unha escritora reivindicativa e incluso revolucionaria e comprometida co país". A exposición pretende subliñar aspectos como o feito de que Rosalía era extremadamente culta, moi por riba dos da súa propia clase social, xa que é unha persoa que coñecía varios idiomas, afeccionada ao teatro e parte activa na obra dramática, unha excelente música e "unha muller do século XX". Ademais, a mostra tenta reflectir cómo Rosalía de Castro exerce con valentía a súa vocación literaria, asinando co seu propio nome e non con pseudónimo como facían moitas mulleres do seu tempo.

Para Alberte Ansede, Rosalía asume un "compromiso sen parangón" no seu tempo "coa condición feminina" escribindo en galego "sabendo que estaba facendo historia, agardando a restauración da lingua e a cultura do seu propio país". Por tanto, a exposición ten a vocación de deixar ver as múltiples facianas dunha muller excepcional e para iso, ademais dos paneis, conta cun documento audiovisual e tamén está dotada dunha unidade didáctica que pode descargarse dende a páxina web da Fundación Manuel María para o mellor aproveitamento da mostra por parte dos escolares e dos colexios que desexen visitala. O deputado Xoán Sande quixo subliñar que desde a área de Igualdade do organismo provincial da que é responsable, quíxose abordar o referente de Rosalía de Castro para tamén reivindicar o seu papel como "feminista" e como defensora dos dereitos das mulleres. Quixo felicitar á Fundación polo seu traballo e agradeceu a colaboración do Concello para a difusión da exposición. Os interesados e interesadas poden descargar a Unidade Didáctica sobre a exposición destinada ao ensino, nesta mesma nova.

Compartir: