Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os orzamentos do Estado destinan 500.000 euros...

O GOBERNO CENTRAL TEN PROXECTOS EN CARBALLO POR 3,8 MILLÓNS

Os orzamentos do Estado destinan 500.000 euros para mellorar a contorna do mercado municipal

Sábado 6 de novembro do 2010

No que respecta ao proxecto de reforma integral do mercado municipal, nestes momentos os traballos marchan a moi bo ritmo e segundo o calendario previsto. Así, os prazos indican que a obra estará rematada en febreiro de 2011, segundo confirma o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. E ao mesmo tempo que avanzan as obras tamén avanzan os trámites para regular a xestión do novo edificio. Así, está previsto que o pleno do mes de novembro inclúa como punto da orde do día a aprobación da nova Ordenanza fiscal para regular os canons e a renda dos postos do mercado, unha normativa que deberá entrar en vigor antes da adxudicación definitiva das concesións. Así mesmo, estase traballando nun regulamento que determinará os distintos usos dos espazos comúns do edificio, así como aspectos como a limpeza, a necesidade ou non de contar cun uniforme ou a consolidación dunhas normas xerais para o mercado, entre outros. Segundo explica García Guillín, o regulamento ultimarase cando o edificio xa estea en marcha, para adaptarse ás problemáticas e situacións concretas que xurdan do seu funcionamento.

En canto ao proxecto para a construción dunha Biblioteca comarcal, o Concello deu a coñecer os detalles do novo equipamento a finais do pasado setembro. Será un edificio pensado para "achegar á xente aos libros", segundo sinalou o propio arquitecto que elaborou o proxecto Óscar Pedrós, e que contará con soto, pranta baixa e un andar permitindo a circulación libre dos usuarios. O soto estará destinado a arquivo, e os outros dous andares albergarán a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. O acceso principal realizarase pola rúa Pontevedra e contará cun total de 1.500 metros cadrados construídos. O orzamento para a súa edificación é de 1,5 millóns de euros que serán achegados na súa totalidade polo Ministerio de Cultura. O prazo de execución marcado para rematar o proxecto finaliza o 31 de decembro de 2012.

Compartir: