Inicio Carballo ao día Hemeroteca Once concertos a cargo de 32 agrupacións...

ENTRE O 6 DE NOVEMBRO E O 3 DE DECEMBRO

Once concertos a cargo de 32 agrupacións conforman o programa de actividades do Novembro con musica 2010

Venres 5 de novembro do 2010

Agrupando as actividades por bloques temáticos, a música tradicional principia o programa cun Magosto en Razo que conta coa presenza da Asociación Folclórica San Lorenzo de Agualada. Segue o 13 de novembro co concerto 'Sons de aquí', no que oito agrupacións de cantareiras e gaiteiros de distintas parroquias como Cances, Razo, Berdillo, Bértoa ou Carballo, ademais da Banda de Gaitas Municipal, expoñen o mellor do seu repertorio. No que respecta á música clásica, o venres 19 de novembro é o concerto do Conservatorio Profesional de Música, que conta cun solista de guitarra, outro de piano, a Orquestra de Corda e a Big Band. Por último, coma sempre, pecha o NCM o concerto da Banda Municipal de Carballo. A música coral ten dobre representación: o sábado 20 de novembro co Festival de Corais que conta coa Agrupación Polifónica de Carballo, o Coro Aires de Bergantiños e a Coral Polifónica de Bergantiños; e o sábado 27 de novembro co Concerto de Santa Cecilia que organiza a Coral Polifónica de Bergantiños, e que contará coas corais Alentía (de Meirás-Valdoviño) e Virxe do Mar (de Cedeira). A música pop e rock ten así mesmo dobre representación. Comeza o venres 12 de novembro co 'Live in Cances', no que este ano participan Killer Cats, Abbey Road, Versión Imposible e o debut de Refugio. E segue o venres 26 de novembro cunha Noite de Rock con Falso Jocker, Interludio, The Peores e The Cerne, un concerto que se gravará nunha maqueta que levarán de recordo os seus participantes.

Sempre ten un protagonismo especial no NCM o ciclo 'En familia', que este ano aglutina dúas citas. A primeira delas é o domingo 14 de novembro co espectáculo musical e teatral "A nena e o grilo". Neste caso a entrada requerirá reserva previa porque os nenos e nenas que asistan recibirán de agasallo un libro cd de Magín Blanco do mesmo título que o espectáculo. Os interesados e interesadas poderán recoller o convite nas Oficinas de Cultura do Pazo da partires do martes 9 de novembro. A segunda cita é o domingo 28 co quinteto de vento Pentafonía e o seu "Hansel e Gretel", no que estarán acompañados dos monicreques de Viravolta (responsables da exposición de títeres que estivo no FIOT durante o mes de outubro). Fóra do ciclo, os cativos e cativas de 6º de Primaria tamén terán un Concerto Didáctico de Música tradicional o martes 30 de novembro e contarán cun Obradoiro dirixido a familias titulado "Eu falo así" o 19 de novembro. Para esta última actividade tamén e preciso reservar porque está dirixido a un máximo de 12 familias. O programa complétase co Contacontos pola igualdade "O país dos mandóns" o venres 26 de novembro. Por último, o NCM ofrece tres exposicións: "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!", "Soños e sentimentos para compartir" e "Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres", que estarán ao longo do mes en distintas dependencias do Pazo da Cultura.

Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo, poden facelo nesta mesma nova. Neste programa, ademais das asociacións carballesas e o Concello, tamén participan a Deputación provincial, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Fundación Manuel María e a Fundación Galiza Sempre. Máis información nas Oficinas de Cultura no primeiro andar do Pazo ou no 981 704 300.

Compartir: