Inicio Carballo ao día Hemeroteca Oza estrea o seu novo centro social, un espazo...

CONSTRUÍDO CON 245.000 EUROS DO PLAN E

Oza estrea o seu novo centro social, un espazo "singular" que se une aos de Berdillo, Sofán e Imende

Sábado 6 de novembro do 2010

O Subdelegado do Goberno manifestou o "orgullo" que para el supón ter asistido xa á inauguración doutro local social en Carballo, xa que puido coñecer o de Imende a pasada primavera -realizado tamén con fondos estatais- e subliñou as "infinitas posibilidades" que ofrece o novo espazo de Oza. Pose Mesura mencionou os momentos de crise que se están a vivir, e quixo resaltar que as achegas do Estado para os concellos -que repartiron en dous anos 13.000 millóns de euros en toda España- veñen de axudar a paliar esta situación, axudando a empresas da comarca e tamén plasmando ideas como a do centro social. Manifestou a vontade do Goberno de seguir facendo esforzos e desexoulle aos veciños e veciñas que desfruten do seu novo local. En nome das asociacións que xestionarán o uso do centro social, como son a Asociación de Veciños A Torre Vixia, Aires da Costa, a agrupación de cazadores ou o equipo de Peñas de Oza, falou Fina Porteiro, que salientou que "este centro é un espazo aberto a todos os veciños e veciñas", destinado ao tempo de lecer e que todos esperan que se converta "no espazo común da parroquia".

Pechou o acto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que lembrou os primeiros pasos que se deron para a construción do centro, cando se examinou a antiga escola unitaria e se chegou á conclusión de que facía falta un edificio de nova pranta cun novo proxecto. Ferrero subliñou o carácter "plural e aberto" do centro social "sendo os veciños os garantes do uso compartido". Desexou que o edificio sexa "un espazo cálido para acoller a programación por vós escollida" e agradeceu a achega dos fondos estatais que teñen permitido "dar resposta a moitas demandas cidadáns", manifestando a vontade de seguir colaborando coa Administración central no futuro. Felicitou aos arquitectos Manuel Carbajo e Celso Barrios por crear "un enclave singular, de madeira e de serradoiro" e mencionou o bo resultado que está dando na rede de centros sociais que xa está en marcha a auto xestión veciñal. Por último, instou aos veciños e veciñas a que transformen o edificio nun lugar "máis humano e solidario" grazas ao seu "traballo colectivo". A cita estivo arroupada polas actuacións da Banda Municipal de Gaitas de Carballo e do grupo de cantareiras Xoldreira, da Asociación Cultural Nemeth.

Compartir: