Inicio Carballo ao día Hemeroteca A conmemoración do 25 de novembro trae a...

ATÉ O 30 DE NOVEMBRO NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA

A conmemoración do 25 de novembro trae a Carballo a exposición "Feminismo galego. Cambios sociais e dereitos das mulleres"

Martes 9 de novembro do 2010

A exposición estrutúrase en torno a 25 metros de paneis agrupados arredor de varios eixos temáticos. Así, abórdanse temas como as precursoras do movemento feminista, o avance do sufraxismo, a consecución do sufraxio universal na II República, as consecuencias do golpe de Estado e a Guerra Civil, as agrupacións feministas dos anos 70 e 80, o divorcio, a violencia de xénero ou a loita pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A mostra comezou a súa andaina hai pouco máis dun ano en Santiago de Compostela e xa leva percorrido numerosas vilas e cidades como Porriño, Allariz, A Coruña, Vigo ou Lugo. De Carballo, está previsto que viaxe en decembro a Foz. O guión e os traballos de investigación e documentación foron realizados por Isabel Rodríguez Mate e recóllense fondos documentais de Nanina Santos Castroviejo, da Fundación 10 de Marzo, do Museo do Pobo Galego, e dos museos de Pontevedra e Massó. Nanina Santos Castroviejo, María Xosé Agra; Encarna Otero e a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega prestaron asesoramento en distintos aspectos.

Un dos apartados máis interesantes da mostra é o das precursoras, con mención a galegas ilustres como Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, que foron pioneiras na súa reivindicación do acceso das mulleres á educación como primeiro paso para elevar a súa dignidade e mellorar a súa condición social. Outra das precursoras foi Rosalía de Castro (presente tamén no Pazo da Cultura cunha mostra no andar -1), que exerceu de artista nun mundo dominado por varóns e rachou na súa vida e obra literaria co arquetipo de muller romántica. Rosalía denunciou coa súa pluma as inxustizas de Galicia, e puxo de manifesto a miseria e a aldraxe que afectaban dun xeito especial ás mulleres galegas. Tamén tería unha especial repercusión pública a monfortina Juana de Vega, de pensamento liberal e asidua a ambientes progresistas onde se movían destacadas figuras decimonónicas. A mostra reflexiona sobre estas figuras relevantes do século XIX para sacar á luz outros nomes, como os de Concepción Miranda e Sofía Casanova, claves na loita obreira; subliña a importancia do asociacionismo, que tivo un importantísimo pulo na época da transición; e reflicte os últimos cambios, como a creación da Marcha Mundial das Mulleres ou a creación nas institucións gobernamentais de departamentos dedicados en exclusiva á muller.

Os interesados e interesadas en realizar unha viaxe polo feminismo galego e a súa historia dende principios do século XIX poden facelo na sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura, até o martes 30 de novembro de 18.00 a 21.00 horas.

Compartir: