Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello conmemora o 25 de novembro, Día...

CONCELLARÍA DE IGUALDADE E BENESTAR

O Concello conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Xoves 25 de novembro do 2010

En canto a outras actividades desenvolvidas con motivo do 25 de novembro hai que subliñar a celebración nos institutos de Carballo até o 3 de decembro duns encontros dos alumnos/as de cuarto da ESO coa xornalista Belén Puñal. Nas mesmas datas, os alumnos/as de 3º e 5º de Primaria participarán no obradoiro "Un conto en igualdade" e os nenos e nenas de Educación Infantil recibirán unha colección de tres relatos contra o machismo. O venres 26 de novembro a Ludoteca Municipal acolle ás 18.00 horas unha sesión de contacontos pola igualdade titulada "O país dos mandóns" a cargo da compañía Teatro dos Ghazafelhos dirixida aos nenos/as de Educación Infantil. Esta cita conta coa colaboración da Deputación da Coruña. E o domingo 28 de novembro ten lugar unha cita xa tradicional no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, como é a Feira das Asociacións, actividade que se vén realizando desde o ano 2004, co obxectivo de sensibilizar á poboación de Carballo acerca da violencia de xénero e do labor que desempeñan as asociacións que traballan en prol da igualdade da muller.

A cita, na que participan moitas das entidades do municipio, especialmente aquelas que traballan pola igualdade de xénero, desenvólvese ao longo de toda a mañá nunha carpa situada no Xardín Municipal. Nela lerase o manifesto do Concello con motivo do 25 de novembro. Os interesados e interesadas tamén poden ler a continuación o texto íntegro da Declaración institucional do Concello de Carballo con motivo do 25 de novembro:

"A violencia de xénero é aquela que sofren as mulleres polo simple feito de selo. Trátase da manifestación máis grave de discriminación, e pon de relevo as desigualdades aínda existentes entre mulleres e homes. Na súa forma máis extrema tradúcese en violencia física e mortes, pero tamén inclúe a violencia psicolóxica e emocional que se manifesta na desvalorización da muller, no menosprezo do seu traballo e no illamento social.

A violencia contra as mulleres é un problema que afecta a toda a sociedade. No que vai de ano 2010 xa perderon a vida demasiadas mulleres no noso País, incluso na nosa comarca; e outras moitas presentaron denuncias por agresión nos xulgados. Diante desta realidade é preciso sumar todas as forzas para previla e erradicala. Por un lado temos que rexeitala enerxicamente para amosarlle ás mulleres que non están soas, e aos maltratadores que non contan co apoio nin de homes nin de mulleres. Por outro lado temos que conseguir a implicación do conxunto dos poderes públicos e da sociedade en xeral. A sociedade galega non debería aceptar ningunha forma de violencia de xénero, e as institucións locais teñen que tomar consciencia e responsabilizarse na tarefa de eliminación da violencia exercida contra as mulleres. Tomar consciencia é un paso que hai que dar de modo colectivo, desde o mundo laboral, as institucións, os medios de comunicación, o ensino, etc, mais tamén é un paso que se debe de dar de modo persoal e individual.

Tense avanzado moito a nivel legal tanto no ámbito estatal como no autonómico, pero aínda hai moito que facer neste campo. Moitas das previsións e mandados establecidos nas leis non foron aínda desenvolvidos e moitos instrumentos lexislativos no texto legal aínda non foron postos en funcionamento. Hai que seguir impulsando medidas de sensibilización social e formación de todos/as os/as profesionais que traten directa ou indirectamente coa violencia de xénero.

O día 25 é pois unha data de denuncia e de compromiso. Todos e todas podemos facer algo e as institucións e, por tanto tamén os concellos, debemos poñer os medios e recursos necesarios para conseguir eliminar esta lacra social.

Por todo isto, a Corporación municipal decide:

  • Suscribir a presente Declaración
  • Manifestar a nosa máis enérxica repulsa á violencia que se exerce contra as mulleres
  • Expresar a nosa solidariedade coas vítimas da violencia de xénero e as súas familias
  • Comprometernos co resto das Institucións e axentes sociais a seguir traballando pola erradicación da violencia de xénero, procurando a unidade de todos os partidos políticos para combater esta lacra descartando calquera uso partidista
  • Impulsar no ámbito das nosas competencias e en aplicación da lexislación vixente, unha política municipal activa, integral e coordinada a favor de igualdade e contra a violencia de xénero
  • Defender unha sociedade xusta e igualitaria na que mulleres e homes poidamos participar equilibradamente en todos os ámbitos sociais, politicos e culturais da nosa sociedade
  • Traballar na prevención a través da educación e na sensibilización social tratando de implicar a todos os sectores e a toda a poboación e na difusión dos recursos existentes no Concello"

Compartir: