Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Novembro con música arrinca con...

VENRES 12, SÁBADO 13 E DOMINGO 14 DE NOVEMBRO

O Novembro con música arrinca con pop-rock, música tradicional e teatro para os máis cativos e cativas

Xoves 11 de novembro do 2010

O Festival Live in Cances é unha iniciativa da Asociación Cultural San Campio e dalle especial protagonismo ao pop, ao rock e aos grupos do municipio e da comarca. No cartel están os carballeses Killer Cats (na imaxe), unha banda formada en 2008 por antigos compoñentes de varias formacións de Carballo dos oitenta e os noventa. Caracterízanse polos sons rockabillies con temas, entre outros, dos Stray Cats, The Dempseys, Elvis ou Chuck Berry. Tamén inclúen no repertorio temas de rockabilly español como Los Rebeldes o Gatos Locos. De Laxe están Abbey Road, que realizan n Tributo aos Beatles co mellor do repertorio da desaparecida banda de Liverpool. Tamén dende Carballo chegan Versión Imposible, centrados no estilo pop e rock dos oitenta. E pecha o cartel Refugio, banda de pop-rock que debuta neste festival. A cita, coa que colabora o Concello carballés, é de balde o venres 12 de novembro a partires das 22.00 horas.

O sábado 13 o Pazo da Cultura acolle o festival de música tradicional galega Sons de aquí.Este ano participan un total de oito agrupacións musicais: Banda Municipal de Gaitas de Carballo, Cantareiras da AC San Campio de Cances, Cantareiras Névedas da AX Arume, Cantareiras e Cantareiros da AC. Arume, Banda de Gaitas Bergantiños de Bértoa, Cantareiras da ARCD San Martín de Razo, Banda de Gaitas San Cristovo, e Cantareiras Xoldreira da AC. Nemeth. Todas estas agrupacións son exemplo da recuperación da música tradicional, tanto da comarca de Bergantiños como doutras zonas de Galicia e farannos desfrutar con diferentes ritmos e maneiras de tocar e cantar, amosándonos así matices distintos de muiñeiras, jotas, cantos, pasodobles, foliadas. O festival da comezo ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura; a entrada é gratuíta.

E o domingo 14 ás 18.00 horas comeza o ciclo En familia, unha oferta xa tradicional dentro do programa de Novembro con Música, con grande éxito nos últimos anos, e dirixida ó público infantil-familiar. A primeira cita deste ano é o espectáculo músico-teatral "A nena e o grilo", unha atractiva e fermosa proposta baseada no traballo do mesmo nome do músico Magín Blanco, editado por OQO. A entrada é gratuíta, pero os interesados deberán recoller os seus convites para poder asistir: ata o venres 12 de 10.00 a 14.00 horas nas oficinas do Servizo de Normalización Lingüística do Pazo da Cultura, ou ben o día do espectáculo no despacho de billetes a partir das 16.30 horas. O motivo é que cada neno e nena participante recibirá como agasallo o libro CD "A nena e o grilo", no que se basea o espectáculo, polo que o aforo é limitado.

Compartir: