Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Grupo Municipal de Intervención...

A FEGAMP E A XUNTA ACORDAN NON SUPRIMIR O SERVIZO

O Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo manterá a súa actividade até decembro de 2011

Xoves 11 de novembro do 2010

Evencio Ferrero amosou a súa satisfacción pola decisión tomada, e reiterou a aposta do goberno local pola seguridade e por seguir mantendo un servizo que considera é de vital importancia para os habitantes da vila. En situacións como a do temporal Becky dos últimos días, por exemplo, servizos como o do Grumir resultan fundamentais para actuar e colaborar nas emerxencias. Así, o servizo de Protección Civil carballés está integrado por un grupo Subacuático ao que pertencen os socorristas que velan pola seguridade nas praias cada verán; un grupo forestal que conta cunha Brigada de Incendios e un Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). O servizo de Protección Civil está apoiado, así mesmo, por un corpo de voluntarios co que poden colaborar todas aquelas persoas interesadas en axudar en distintas áreas, como a prevención, a colaboración ou a actuación. Pode solicitarse máis información no teléfono 981 704 048.

Ademais, dende hai uns anos, o Concello celebra periodicamente unha Xunta Local de Seguridade na que se fai balance dos índices de delincuencia, dos accidentes de tráfico ou doutros incidentes, e na que se debate sobre as medidas máis axeitadas para seguir avanzando na protección dos veciños e veciñas do municipio. Na última xuntanza realizouse un balance das incidencias de Protección Civil durante o ano 2009. Así, rexistráronse un total de 349 emerxencias tanto en Carballo como noutros puntos de Bergantiños. A maioría delas refírense a limpezas de vía relacionadas con accidentes de circulación (187), aínda que tamén hai que destacar 33 incendios forestais e tamén 20 incendios urbanos, nos que o Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida) colaborou activamente co Parque Comarcal de Bombeiros. Hai que subliñar, así mesmo, a incidencia o ano pasado do ciclón Klaus, causa de numerosas mobilizacións. Probablemente no balance de 2010 terá especial relevancia o ciclón Becky, responsable dos desperfectos dos últimos días que o Concello cifra en 100.000 euros aproximadamente.

Compartir: