Inicio Carballo ao día Hemeroteca As obras para ampliar o CEIP Bergantiños...

O CONCELLO SOLICITA QUE A EOI FUNCIONE COMO CENTRO INDEPENDENTE

As obras para ampliar o CEIP Bergantiños da capital municipal estarán contratadas no segundo trimestre de 2011

Xoves 11 de novembro do 2010

Deste xeito, o máis probable é que os traballos non estean rematados para afrontar os problemas de escolarización do curso 2011-12. O proxecto de ampliación do CEIP Bergantiños inclúe a construción dun porche cuberto e a creación de zonas comúns, como salas de profesores, aínda que a xestión administrativa realizaríase dende as instalacións xa existentes. Suporá a creación de nove unidades de Educación Infantil, con servizos integrados e totalmente equipadas, dun máximo de 25 nenos e nenas cada unha, polo tanto, crearíanse 225 novas prazas. As unidades estarían distribuídas en 3 para cativos e cativas de 3 anos; 3 para escolares de 4 anos; e 3 para nenos e nenas de 5 anos. Durante a reunión, a Xefa Territorial tamén informou de que o máis seguro é que o financiamento, estimado nos orzamentos da Xunta en 900.000 euros para o ano 2011 (dos 1,5 millóns de euros do total), acabe sendo plurianual, aínda que estes detalles, así como a situación concreta das aulas de ampliación, non se saberán ata que se redate o proxecto. En todo caso, o Concello carballés espera que os trámites que permitirán que a ampliación sexa unha realidade se axilicen para poder cubrir esta necesidade o antes posible.

Así mesmo, o Alcalde e a Concelleira de Educación expuxeron a situación da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Carballo, que nestes momentos depende da da Coruña. Así, este curso a EOI conta con máis de 600 alumnos e alumnas, un volume altísimo que fai que cada curso sexa máis difícil desenvolver as clases con normalidade nas instalacións do Pazo da Cultura. Así mesmo, ao tratarse dunha extensión da Escola coruñesa non conta con dotación orzamentaria propia, e carece de vantaxes organizativas, como o feito de poder contar con dirección, xefatura de estudos, secretaría ou vicedireccións propias, tendo só unha xefatura de estudios. Por todo isto, o Concello carballés solicita que a EOI se constitúa como centro independente, como así sucede noutras vilas galegas que contan cunha escola con menos alumnado. Villaverde Pais comprometeuse a trasladarlle esta petición a José Luis Mira Lema, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, co que representantes do Concello carballés tamén esperan manter unha xuntanza para falarlle da situación.

Por último, na visita á Xefatura Territorial de Educación abordáronse as demandas de melloras nos centros educativos de Infantil e Primaria do Concello, elaboradas polos propios equipos directivos de cada colexio. Nestes momentos aínda non está elaborado o plan RAM (de Reparación, Ampliación e Mellora dos centros educativos) para o ano 2011, polo que o Concello espera que sexan atendidas a maioría das peticións.

Compartir: