Inicio Carballo ao día Hemeroteca Técnicos do Agader visitan a Ruta das...

O PROXECTO FOI FINANCIADO CON FONDOS FEDER

Técnicos do Agader visitan a Ruta das Férvedas do Concello de Carballo, de máis de 27 quilómetros de lonxitude

Mércores 10 de novembro do 2010

A Ruta das Férvedas está situada no que se coñece como depresión Meridiana. Saíndo do núcleo de Carballo, en dirección sur e despois de superar o val do río de Bergantiños (o río Anllóns) e o do seu afluente Rosende, entramos de cheo nesta depresión, un dos accidentes xeográficos mais importantes de Galicia. Esta fondeira percorre de norte a sur Galicia e por ela pasaron antigas vías de comunicación romanas. En Carballo, a faia que forma esta depresión divide as parroquias de Rus e Entrecruces en dúas partes, as denominadas 'Alta' e 'Baixa'. Pero o máis significativo desta faia é que forma os dous saltos de auga incluídos na ruta, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, que, a pesares de non contar cun grande desnivel, vai baixando de forma sinuosa pola canle do río, de xeito moi parecido ao dos tobogáns de auga, creando unha paisaxe de grande beleza; e a máis importante, a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel.

A Férveda de Entrecruces está rodeada dunha espesa vexetación que lle confire un gran valor paisaxístico e ecolóxico. Nas súas proximidades poden visitarse ademais os restos de antigos muíños e dunha central hidroeléctrica que no pasado abasteceu de enerxía á vila. Grazas a este roteiro podemos contemplar importantes paraxes a nivel ambiental, como as anteriormente faladas férvedas, nas parroquias carballesas de Ardaña, Rus e Entrecruces. Pero tamén poden percorrerse diversos exemplos de patrimonio cultural como as igrexas destas citadas parroquias, destacando a barroca de Santa María de Rus (a máis importante do Concello a nivel artístico). O patrimonio amplíase cuns importantes restos castrexos e tamén cunha representación da cultura medieval palaciana, o Pazo de Casaldeperros. Todo isto tendo como sendas antigas corredoiras que en moitos casos son chamados polos habitantes do lugar 'Camiños reais', o que nos dá a idea da antigüidade das vías, que mostran en moito do seu percorrido a vexetación autóctona típica de Galicia.

Compartir: