Inicio Carballo ao día Hemeroteca Miguel Anxo Calvo, O'Mighelo, comparte os...

EXPOSICIÓN ATÉ O 6 DE DECEMBRO DE 18.00 A 21.00 HORAS

Miguel Anxo Calvo, O'Mighelo, comparte os seus soños e sentimentos con "Soltando lastre"

Venres 19 de novembro do 2010

Na súa primeira exposición en Carballo, O'Mighelo quixo acompañar a inauguración cun texto escrito por el, no que amosou a súa vontade de "non defraudar" a aqueles que se acheguen a ver o seu traballo, aos que invita a "entrar sen chamar". Subliñou a importancia do "grande poder da comunicación", aínda que "non sempre se atopen as expresións para crear esa maxia". Quixo mencionar a música que conta con "apertas de acordeón formando o arco da vella máis fermoso do país das marabillas". Por último, rematou a súa intervención lanzando "un saúdo musical" e "unha aperta de cor e ilusión", e expresando o desexo de que "oxalá o futuro nos pinte a todos e todas ben bonitos". O Alcalde carballés pechou a quenda de intervencións manifestando a "honra de recibir neste espazo a persoas que tanto nos teñen que transmitir e con tanta ilusión o queren transmitir aos nosos veciños e veciñas" e felicitou a Miguel Anxo Calvo, que "é dos metódicos, dos que traballan e queren expresar o que realmente senten".

Todo nunha exposición, que, segundo explica O'Mighelo, está composta por "retratos de soños e sentimentos para compartir, soltando grandes pinceladas de cores ao aire, sempre dende dentro, moi dentro, para fóra...". De feito, para Miguel Anxo Calvo, "Soltando lastre" pretende "ser unha mostra de retratos da alma", aparecendo "coma un gran cadro de pinceladas ao aire, dedicado ao meu singular, particular e ben querido arco da vella". Tamén ten espazo para agradecementos "a todos/as vós amigos/as que sabedes escoitar os silencios..., e téñovos sempre presentes na miña paleta de cores..., moitas grazas por axudarme a elaborar esta obra...: o meu humilde autorretrato... E convídovos a entrar nos soños e sentimentos para compartir, soltando lastre, reflexionando co maior dos respectos pola vida, amor e as relacións humanas... As únicas forzas que por si soas, son capaces de facer andar o mundo". Os interesados e interesadas en compartir soños e sentimentos con este artista, só teñen que acudir antes do 6 de decembro ao andar -1 do Pazo da Cultura de 18.00 a 21.00 horas.

Compartir: