Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Plataforma en Defensa da Sanidade...

MANIFESTACIÓN O DOMINGO 21 DE NOVEMBRO EN SANTIAGO

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública entrevístase con representantes do Concello para pedir apoios

Mércores 17 de novembro do 2010

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública está realizando unha rolda de xuntanzas nos concellos para expoñer a situación, especialmente en municipios como o de Carballo, un dos máis importantes da área sanitaria coruñesa. Así mesmo, acaban de conseguir o apoio para a Plataforma da Xunta de persoal do Hospital da Coruña e tamén do Comité de Empresa do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Precisamente está previsto que o 18 de novembro manteñan unha xuntanza no complexo hospitalario ceense. José Manuel Lado manifestou que algunhas das medidas sanitarias en marcha provocarán un deterioro no sistema a curto e medio prazo e "un incremento no custo dos servizos sanitarios". Ramón Veras subliñou, pola súa banda, o descenso no orzamento sanitario do Sergas (Servizo Galego de Saúde) previsto para 2011, de 183 millóns de euros e Hermindo Martínez cre que "estase atacando o dereito de calquera persoa a ter atención universal" e resaltou que "a sanidade privada non é mellor que a pública". Xosé Camiño quixo, á súa vez, destacar a importancia da manifestación, destinada a que os veciños e veciñas defendan os seus dereitos.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, falou en nome dos representantes municipais expresando a súa defensa da sanidade pública, especialmente no seu caso persoal no que, sendo funcionario renunciou a outros servizos para adherirse á atención pública, da que subliña a súa calidade. Así mesmo, explica que "o desmantelamento do estado de benestar non pode estar avalado baixo ningunha circunstancia" e explica que "estamos obrigados a seguir defendendo un símbolo de identidade e de compromiso social". Engadiu que o Concello ten demostrado, como por exemplo no caso das instalacións deportivas, que "dende o público se pode facer unha boa xestión" e explicou que é necesario evitar "o desmantelamento da sanidade pública". Por último, invitou aos veciños e veciñas que o desexen a que se sumen aos chamamentos pola defensa da sanidade pública, como a manifestación prevista para o 21 de novembro en Santiago.

Compartir: