Inicio Carballo ao día Hemeroteca A música de cámara, a coral e os...

VENRES 19 E SÁBADO 20 DE NOVEMBRO

A música de cámara, a coral e os sons da Big Band chegan ao programa do Novembro con música

Xoves 18 de novembro do 2010

O programa do Concerto do Conservatorio Profesional de Música ten prevista a intervención de Patricia Aldao (A Laracha, 6º curso de grao profesional de guitarra), que interpretará un variado repertorio de música contemporánea británica, sudamericana e española. Pola súa parte, Iago Franqueira (Carballo, 4º curso de grao profesional de piano e clarinete), tocará ao piano temas de estilo romántico e barroco de autores tan coñecidos como Chopin e Bach, respectivamente. A continuación intervirá a Orquesta Xuvenil de Cámara, formación nacida no ano 2006 que está dirixida por Juan Otero (profesor de violonchelo do Conservatorio Profesional de Música de Carballo), coa colaboración de Eduardo Coma (profesor de violín e viola do Conservatorio), e interpretarán unha Suite para Orquestra de Fabián Andrades, importante compositor e pianista chileno contemporáneo que alternou a súa formación entre Chile e Polonia e que na actualidade ten acadado que os seus traballos sexan interpretados en países de todo o mundo. As súas principais influencias son Shostakovich, Rachmaninov e Chopin.

Pechará o concerto a Big Band, un dos conxuntos máis veteranos do Conservatorio de Carballo, que leva traballando desde o ano 1993 con alumnos do Conservatorio e colaboradores ocasionais, traballo avalado pola gravación de dous discos. Está dirixida polo director do Conservatorio, José Miguel Suárez Barros, e o seu repertorio abrangue principalmente a época dos anos 40-60 (swing, jazz, blues, bossanova, etc.) e tamén música contemporánea. Para completar a fin de semana, o sábado 20 ás 21.00 ten lugar o tradicional Festival de Corais no Pazo da Cultura. Nel, a Agrupación Polifónica de Carballo, o Coro Aires de Bergantiños e a Coral Polifónica de Bergantiños ofrecerán o mellor do seu repertorio. Ademais, o programa do Novembro con música complétase esta fin de semana coa inauguración da exposición "Soltando lastre. Soños e sentimentos para compartir" do artista carballés Miguel Anxo Calvo 'O'Mighelo', que pretende ser unha mostra de retratos da alma dos soños. Esta exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 6 de decembro e poderá visitarse no horario habitual, de 18.00 a 21.00 horas na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura.

Compartir: