Inicio Carballo ao día Hemeroteca Tres premiados con bonos de compra no mercado...

PRÓXIMO SORTEO O 7 DE DECEMBRO

Tres premiados con bonos de compra no mercado carballés dentro da campaña "Escolle o teu praceiro"

Luns 22 de novembro do 2010

O primeiro sorteo celebrouse hoxe, luns 22 de novembro ás 10.00 horas na pranta baixa do mercado e contou coa presenza do xefe de servizo da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña, Isidoro Martínez; do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e da xerente do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo, María del Carmen Freire, que exerceron de "mans inocentes". Tamén estivo presente o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. Os responsables locais quixeron subliñar a elevada participación e, respecto da entrega de premios, Isidoro Martínez explicou que serán enviados nos próximos días aos galardoados a través da consellería. Os bonos poderán trocarse nos postos do mercado até o 31 de decembro. Así mesmo, con todas as papeletas recollidas tanto neste primeiro sorteo coma no do 7 de decembro realizarase un reconto cos votos dos participantes que escollen ao seu praceiro "favorito" do mercado carballés, que recibirá unha mención especial dentro da campaña.

Ademais do mercado de Carballo, esta iniciativa desenvólvese en toda a Costa da Morte nas seguintes vilas: Malpica, Cee, Corcubión e Fisterra. Precisamente en Malpica o luns 22 de novembro ás 12.00 horas ten lugar outro sorteo por tres bonos de compra cos mesmos importes. A Consellería de Economía e Industria destina á campaña un total de 110.000 euros en 92 mercados tradicionais de toda Galicia -32 deles na provincia da Coruña. A Directora Xeral de Comercio, Nava Castro, subliña respecto desta actuación que "estes mercados supoñen a mellor oferta de produtos frescos de alimentación, especialmente galegos, dunha calidade altísima, e que garanten ademais un servizo profesional e personalizado". "Querémoslle transmitir a todos os galegos que mercar nas prazas de abastos é unha garantía de calidade tanto no tocante aos produtos como no que se refire ao trato por parte dos profesionais encargados dos postos", engade.

Compartir: