Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Feira das Asociacións,...

ACTIVIDADES ENTRE O 22 DE NOVEMBRO E O 3 DE DECEMBRO

A Feira das Asociacións, exposicións, contacontos e obradoiros conforman os actos para conmemorar o 25 de novembro

Luns 22 de novembro do 2010

Os encontros dos alumnos/as de cuarto da ESO coa xornalista Belén Puñal tratarán acerca do tratamento que os medios de comunicación (prensa, radio e televisión) fan acerca da violencia de xénero, dos estereotipos e da igualdade. No caso de Primaira, o obradoiro "Un conto en igualdade" traballa a igualdade de xénero e os roles e estereotipos nos libros de lectura que utilizan habitualmente nas aulas. Así mesmo, e dentro da actividade escolar os centros de Educación Infantil recibirán a colección "A igualdade conta", composta por tres relatos de Cristina Justo e Paloma Rodríguez. No primeiro deles "O País dos mandóns", fálase dunha sociedade patriarcal e de cómo esta coarta a liberdade das mulleres e das nenas. "A urna dos desexos" é un conto sobre a democracia paritaria e "O segredo de Flora" é unha historia na que se aborda o tema da violencia contra as mulleres. Todo isto explicado de xeito moi sinxelo, adaptado aos primeiros lectores, e con fermosas ilustracións de Spela Trobec. Están acompañados, ademais, dunha unidade didáctica para que os máis cativos e cativas traballen o tema da violencia de xénero nas aulas.

Xa o día 25 de novembro a sala de exposicións do terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle ás 19:30 horas un acto público no que participarán Xabier Macías, Director da Fundación Galiza Sempre e Nanina Santos Castroviejo, asesora da exposición "Feminismo Galego. Cambios sociais e dereitos das mulleres", que falarán sobre esta mostra, a motivación para elaborala e o seu contido. Así, hai que lembrar que a exposición está aberta até o 30 de novembro , organizada pola Fundación Galiza Sempre, coa colaboración do Ministerio de Educación a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo. A mostra recolle diversos materiais que dan testemuño dos obxectivos e reivindicacións do feminismo galego. A mostra pretende contribuír -por medio da reprodución de textos, publicacións, noticias e documentación gráfica- á reflexión na sociedade galega sobre os avances e cambios sociais promovidos polo movemento a prol da igualdade de dereitos mulleres.

O venres 26 de novembro a Ludoteca Municipal acolle ás 18.00 horas unha sesión de contacontos pola igualdade titulada "O país dos mandóns" a cargo da compañía Teatro dos Ghazafelhos dirixida aos nenos/as de Educación Infantil. Esta cita conta coa colaboración da Deputación da Coruña. E o domingo 28 de novembro ten lugar unha cita xa tradicional no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, como é a Feira das Asociacións, actividade que se vén realizando desde o ano 2004, co obxectivo de sensibilizar á poboación de Carballo acerca da violencia de xénero e do labor que desempeñan as asociacións que traballan en prol da igualdade da muller. A cita, na que participan moitas das entidades do municipio, especialmente aquelas que traballan pola igualdade de xénero, desenvólvese ao longo de toda a mañá nunha carpa situada no Xardín Municipal. Nela lerase o manifesto do Concello con motivo do 25 de novembro.

Compartir: