Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello repartirá 2.500 exemplares da...

UN TOTAL DE 1.800 FEDERADOS EN 38 ENTIDADES EN 2010

O Concello repartirá 2.500 exemplares da Guía Carballo Deporte para promocionar a actividade deportiva no municipio

Mércores 24 de novembro do 2010

Entre os datos de interese recollidos pola guía, pode subliñarse o número de federados en Carballo, que en 2010 acadou os 1.800 repartidos en 38 entidades sen ánimo de lucro que promoven a práctica deportiva en clubs que pelexan por ofrecer unha actividade saudable a calquera idade. A maioría dos federados están no ámbito da natación e salvamento -22%- e fútbol -20%-, cun 17% para caza e pesca, 14% para baloncesto, 9% balonmán e 18% outros. Segundo o Alcalde, Evencio Ferrero, a guía tenta reflectir "a vitalidade e diversidade das entidades deportivas de Carballo", ademais do "nivel deportivo do Concello, dificilmente igualable noutros concellos das nosas dimensións". Ferrero subliña que "a guía pretende dar a coñecer este traballo, poñer en valor o deporte carballés e servir de guía para calquera que a queira consultar". O Xerente do Padroado Deportivo, Francisco García Bello, quere destacar o esforzo realizado para elaborar a Guía, dunha grande calidade, e quixo facer especial mención do tecido asociativo deportivo en Carballo, "que realiza un importante traballo que agora se dá a coñecer".

Piscinas: un total de 3.621 abonados e 135.000 usos
Así mesmo, o documento mostra a evolución do deporte en Carballo nos últimos anos, relatando as cifras do número de abonos e abonados. Hai que subliñar que a cifra que consta na guía para 2010 corresponde ao mes de setembro e xa está obsoleta, porque en dous meses tense pasado de 3.260 abonados e 1.668 abonos a 3.621 abonados e 1.862 abonos -datos de novembro-, multiplicándose por tres o número de abonados dende 2005. O Alcalde subliña, así mesmo, a intensidade de uso das instalacións, que ao longo de 2010 xa levan rexistrado 135.000 usos entre as dúas piscinas e calcúlase que a finais de ano chegarase aos 150.000. Até o de agora o ano con máis usos fora 2005 con 100.000. Por outra banda, o Concello quere resaltar o elevado nivel de auto financiamento que ten acadado en 2010 e que continuará en 2011, xa que este ano o Padroado achega hoxe en día o 41 por cento dos gastos, e espérase que a cifra chegue ao 50 por cento a finais de ano, ademais de que o ano 2009 saldouse cuns 49.000 euros de remanente positivo de tesourería, e para o 2010 tamén se esperan cifras positivas. Uns números que demostran, segundo Marcos Trigo, "que a xestión dun servizo público pode ser rendible e de alta calidade".

Respecto da guía, tamén hai que mencionar que o obxectivo é que estea en permanente actualización, non cada ano, pero si con certa periodicidade. Así mesmo, e para completar a guía, a páxina web do Concello conta dende agora cunha relación da ampla maioría das entidades deportivas do municipio e os seus datos poden consultarse no apartado dedicado ao Deporte da web.

Compartir: