Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rock, música coral na honra de Santa...

FIN DE SEMANA: VENRES 26, SÁBADO 27 E DOMINGO 28

Rock, música coral na honra de Santa Cecilia e música clásica no programa do Novembro con música

Xoves 25 de novembro do 2010

A fin de semana principia o venres 26 cunha cita coa música pop-rock. Noite de Rock é unha proposta novidosa dentro da programación do Novembro con Música que ten como obxectivo promocionar e dar visibilidade ás formacións musicais carballesas destes estilos. Nesta ocasión participarán Falso Joker, Interludio e The Cerne, (no programa tamén aparecían The Peores, que non poden asistir por motivos laborais). As formacións aproveitarán ademais durante a actuación para realizar unha gravación do seu traballo. Falso Joker é unha formación de estilo metal creada recentemente por alumnos da Escola da Rúa: Saray Gómez (vocalista), Patricia Ínsua (baixista), Sebastián Fariña (batería), Antón Añón (guitarra rítmica) e Héitor Pose (primeira guitarra). Todos os temas que interpretan, con letras en galego e castelán, están compostos polos membros do grupo, con influencias como Doro, Sirenia, Interludio, Metallica, Meigha, Iron Maiden, Warcry ou Manowar.

Continúa o concerto Interludio, grupo metal formado por Jose (guitarras e voz), Javier (guitarra e segunda voz), Pablo (baixo) e Sebas (batería e coros). O grupo concíbese coa idea de non limitar o abano de posibilidades que ofrece o metal actual a ningún campo concreto, intentando beber das máximas fontes musicais para conseguir temas variados e interesantes. Teñen xa a venda a súa primeira maqueta, gravada polo productor coruñés Paco Liaño. Para pechar esta Noite de Rock, actúa o grupo The Cerne, fundado no ano 2006 por varios músicos de Carballo: Belén (vocalista), Garban (guitarra), Joaquín (batería), Fran (baixo e voz), Manuel (teclados) e Guillermo (guitarra e voz). Interpretan fundamentalmente versións dos anos 70 e 80 e teñen actuado xa en numerosas localidades galegas. En febreiro dispóñense a gravar o seu primeiro disco. O concerto dará comezo ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e a entrada libre ata completar aforo.

Como peche da fin de semana, chegan dúas actuacións ben diferentes. O sábado 27 ás 21.00 horas celébrase Festival de Santa Cecilia 2010, acto na honra da patroa da música organizado pola Coral Polifónica de Bergantiños, que terá como invitadas nesta edición á Coral Polifónica Alentía (Meirás-Valdoviño) e á Coral Polifónica Virxe do Mar (Cedeira). A cita é de balde no Pazo da Cultura. E o domingo 28 é a quenda dos máis cativos e cativas co programa En Familia. Representarase "Hansel e Gretel" coa música do Quinteto de Vento Pentafonía e cos monicreques de Viravolta Títeres. O espectáculo comezará ás 18.00 no Pazo da Cultura e a entrada libre ata completar aforo. Hai que lembrar tamén que o venres 26 ás 18.00 horas ten lugar o Contacontos pola igualdade "O país dos mandóns" na Ludoteca Municipal, actividade organizada polo Centro de Información á Muller e a Deputación da Coruña.

Compartir: