Inicio Carballo ao día Hemeroteca 'Contos coas mans abertas' sensibiliza...

O FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN PROMOVE ESTA XIRA

'Contos coas mans abertas' sensibiliza aos escolares carballeses do IES Alfredo Brañas sobre a solidariedade internacional

Venres 26 de novembro do 2010

Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, 'Contos coas mans abertas' é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o mundo e entendelo mellor. Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb ou unha tribo de bosquimanos son algúns dos protagonistas das historias contadas por Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Dende entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos. O salto aos escenarios foi en maio do 2007 cunha proposta para público adulto 'A hora azul', catro contos ao son de instrumentos tan peculiares coma a guitarra portuguesa, o laúde árabe, a darbouka ou as karkaba. Nese mesmo ano, empezaron a actuar tamén para público infantil con 'A viaxe das palabras', onde contaban a historia dunha nena, Lucía, que nunca coñeceu a seu avó. Logo chegou 'Contos sen medo, relatos sobre a liberdade' e finalmente, na primavera do 2010 nace 'Contos coas mans abertas', que recopila historias reais, humanas e sinceras.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Foi fundado en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. A entidade trata de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade mantén aberta unha conta de emerxencia para a reconstrución do Haití.

Compartir: