Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Plan de Obras e Servizos (POS) para 2011...

APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL DO MERCADO

O Plan de Obras e Servizos (POS) para 2011 supón un investimento de 657.317 euros

Venres 26 de novembro do 2010

Respecto do POS 2011, hai que mencionar que a creación dunha nova Praza Pública en Sofán xorde a raíz dunha iniciativa veciñal presentada ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá pola Asociación de Veciños San Salvador de Sofán. É a primeira vez que se emprega este mecanismo, que neste caso ten o obxectivo de adquirir unha parcela de 913 metros cadrados e ampliar o espazo público do adro da igrexa para poder celebrar as actividades parroquiais. A iniciativa consiste en que o proxecto finánciase ao 50 por cento entre o Concello e os veciños e que a Administración Local asume, así mesmo, a redación do proxecto. No que respecta ao POS 2011, a sesión plenaria tamén somete a aprobación o Plan Complementario, que se realiza coas baixas das adxudicacións das obras do POS. Neste caso, os proxectos incluídos son a 'Mellora de capa de rodadura no lugar de Barreiro, parroquia de Ardaña', por un importe de 100.167,07 euros; e a 'Mellora de capa de rodadura no lugar de Noví, parroquia de Ardaña', por 50.086,08 euros.

No que respecta á modificación da Ordenanza Fiscal reguladora das taxas pola prestación de servizos no Mercado Municipal, trátase dun paso máis dentro do proceso de transformación que está sufrindo a Praza de Abastos, que conleva a realización de trámites administrativos ao tempo que avanzan as obras. Segundo o Goberno, o criterio seguido para a elaboración da ordenanza é acadar "que os prezos non teñan grandes desequilibrios". Así, os concesionarios que despois da reforma manteñan a superficie e a categoría manteran as taxas, mentres que aqueles que incrementen as súas dimensións ou melloren a categoría experimentarán unha suba do canon. Todos os praceiros verán incrementados os seus pagos coa actualización correspondente ao IPC. No asunto do mercado a orde do día inclúe a desestimación dun recurso de resposición formulado por un concesionario respecto do traslado provisional dos postos.

No apartado económico, o pleno inclúe a aprobación de baixas de crédito para financiar o remanente de tesourería. Así, segundo o decreto de medidas extraordinarias para mellorar o déficit público os beneficios derivados da redución dos custos de persoal pola baixada de salarios dos funcionarios deben destinarse, en primeiro lugar a sanear o remanente de tesourería e en segundo a reducir a débeda pública a curto prazo. O aforro no Concello é de 149.000 euros aproximadamente, que se destinarán en 58.000 euros ao remantente e en 91.000 aproximadamente á amortización de préstamos a longo prazo. En todo caso, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que a taxa de endebedamento do Concello está en niveis inferiores a 2002. No apartado de mocións, hai tres de Terra Galega. Una delas, a relativa á seguridade na estrada de Santiago, está previsto que sexa aprobada por unanimidade, pedindo a mellora urxente de determinados tramos da vía nos que se producen accidentes con demasiada frecuencia.

Os interesados e interesadas en consultar a orde do día do pleno ao completo, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: