Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno saca adiante o POS 2011 e a...

UNANIMIDADE PARA SOLICITAR A MELLORA DA ESTRADA DE SANTIAGO

O pleno saca adiante o POS 2011 e a modificación da Ordenanza reguladora das taxas do mercado

Martes 30 de novembro do 2010

No que respecta á mellora da seguridade no treito da estrada de Santiago que trancorre por territorio municipal, o acordo adoptado insta á Deputación provincial, titular da vía, a que no "máis breve prazo posible" poña remedio ás situacións que o pleno considera "perigosas" para a seguridade vial, tomando medidas como: crear unha sinalización vial suficiente antes de entrar en Taboada dende Santiago, con sinais luminosos de redución de velocidade, así como axilizando as medidas de seguridade na ponte, incluso coa sua modificación e desvío se é necesario; realizar o saneamento das beiravías dos pluviais da Canosa de Rus coa ampliación dos sumidoiros para que conten con capacidade suficiente; e proceder ao pintado e sinalización vial de toda a estrada ao seu paso polo Concello de Carballo. A corporación apoiou esta solicitude, presentada por Terra Galega, por unanimidade. A modificación da Ordenanza Fiscal reguladora das taxas pola prestación de servizos no Mercado Municipal supón que os concesionarios que despois da reforma manteñan a superficie e a categoría dos seus postos manteran as taxas, mentres que aqueles que incrementen as súas dimensións ou melloren a categoría experimentarán unha suba do canon. Todos os praceiros verán incrementados os seus pagos coa actualización correspondente ao IPC.

Outros asuntos incluídos na orde do día que sairon adiante foron a aprobación de baixas de crédito para financiar o remanente de tesourería e a conseguinte transferencia ou a desestimación dun recurso de resposición formulado por un concesionario respecto do traslado provisional dos postos. No primeiro caso, o Concello cumpre co decreto de medidas extraordinarias para mellorar o déficit público, que estipula que os beneficios derivados da redución dos custos de persoal pola baixada de salarios dos funcionarios deben destinarse, en primeiro lugar a sanear o remanente de tesourería e en segundo a reducir a débeda pública a curto prazo. O aforro no Concello é de 149.000 euros aproximadamente, que se destinarán en 58.000 euros ao remantente e en 91.000 aproximadamente á amortización de préstamos a longo prazo. Por último, o pleno rexeitou dúas mocións de Terra Galega. A primeira referida á solicitude para construír un acceso máis amplo para o cemiterio de Berdillo. O Concello explica que a obra non pode realizarse porque non hai acordo cos veciños para a adquisición dos terreos. O líder de TEGA, Manuel Andrade, comprometeuse e erixiuse en comisionado para conseguilos el mesmo. Na segunda pedíase que sexa o Concello o que desenvolva a 3ª fase do polígono empresarial de Bértoa e rescinda o acordo con Xestur. Rexeitouse esta proposta porque os trámites realizados pola entidade para desenvolver a segunda ampliación, de 540.000 metros cadrados, xa están bastante avanzados.

Compartir: