Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arredor de 600 escolares participan o...

NO CIRCUÍTO DO POLÍGONO DE BÉRTOA

Arredor de 600 escolares participan o mércores 1 de decembro na Carreira Campo a Través

Martes 30 de novembro do 2010

Na carreira participan rapaces e rapazas dos seguintes centros escolares: CEIP A Cristina, CEIP Bergantiños, CEIP Fogar, CEIP Nétoma Razo, CEIP Xesús San Luis Romero, CE Artai e IES Parga Pondal. Os obxectivos desta cita son fomentar unha práctica deportiva, educativa e saudable e facilitar a práctica nunha modalidade de gran tradición en Galicia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar "a extraordinaria saúde deportiva" do Concello, aínda que considera que "un dos problemas é o atletismo". Así, explica que "temos magníficas escolas en todas as modalidades de equipo, pero falta o atletismo". Por iso quixo resaltar a importancia desta proba, xa que "o cross é un primeiro paso", e tamén espera que a idea de crear unha grande carreira na primavera saia adiante. Tamén desexou que por fin o tempo acompañe e que os 600 participantes teñan a oportunidade de desfrutar dunha proba ao aire libre. O Xerente do Padroado Deportivo, Francisco García Bello, tamén desexou "que a proba se desenvolva da mellor maneira posible".

No que respecta as características da proba, estableceranse dúas clasificacións. A Individual, segundo a orde de entrada na meta. E por Equipos, na que a puntuación resultará da suma dos puntos obtidos polos 4/3 atletas mellor clasificados de cada equipo, e gañará o equipo que menos puntos sume. No caso de producirse un empate entre 2 ou máis equipos, resolverase a favor do equipo no que obtivera a mellor clasificación o último dos seus corredores que puntúe. Aqueles equipos que non cheguen á meta cos 4 ou, se é o caso, 3 atletas dos que puntúan, non puntuarán como equipo. Para o Campionato Intercomarcal clasificaranse os dous mellores equipos e os/as seis primeiros/as atletas de cada categoría. Así mesmo, os horarios de saída das distintas categorías e as distancias percorridas son os seguintes:

  • 10.30 horas: Benxamín feminino_500 m
  • 10.45 horas: Benxamín masculino_500 m
  • 11.00 horas: Alevín feminino_ 600 m
  • 11.15 horas: Alevín masculino_800 m
  • 11.30 horas: Infantil feminino_800 m
  • 11.45 horas: Infantil masculino_1.200 m
  • 12.05 horas: Cadete feminino_1.200 m
  • 12.20 horas: Cadete masculino_2.500 m

Compartir: