Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o expediente de contratación para...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente de contratación para instalar tres puntos dixitais de información pública

Martes 7 de decembro do 2010

Segundo consta no expediente, as características concretas de cada punto informativo son as seguintes. O punto de información para a Praza do Concello (situado preto de onde se acaba de instalar un Minipuntolimpo) será un Mupi (Mobiliario Urbano con Punto de Información) cilíndrico de aceiro inoxidable con dous tipos de pantalla, unha táctil para acceder á información por parte do usuario; e outra panorámica para comunicación audiovisual. O punto do Museo de Bergantiños consistirá nunha pantalla táctil situada detrás da vitrina da maqueta interactiva da Costa da Morte (na imaxe) a través da cal se poderá acceder á información. O espazo informativo do CPEC será similar ao da Praza do Concello, con dúas pantallas, unha panorámica e unha táctil. A información da pantalla táctil será accesible desde o exterior do edificio do CPEC a través dunha das súas cristaleiras, que será adaptada como pantalla táctil para tal fin. A concesión do contrato recaerá sobre o espazo necesario nos bens de dominio público de titularidade do Concello, debendo incluír as ofertas que opten á concesión información detallada sobre a colocación exacta dos puntos.

No que respecta a outros puntos da orde do día, hai que mencionar a aprobación das bases para o XIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, no que se poderán presentar traballos até o 7 de febreiro de 2011. Así mesmo, no apartado de contratacións, aprobouse a prórroga para o contrato de servizos de 'Dirección e coordinación da banda de gaitas de Carballo'. No mesmo apartado, fóra da orde do día, deuse luz verde así mesmo á prórroga do contrato do 'Servizo de ensino para a especialidade de percusión que se está a prestar por parte do Concello de Carballo no Conservatorio Profesional de Música, así como a asistencia técnica á Banda Municipal', e á prórroga do contrato de 'Prestación dun servizo de asesoría xurídica do Centro de Información á Muller' de Carballo. En xestión urbanística propúxose unha rectificación na titularidade da parcela nº 19 do polígono 32 (zona de Fonte Caldeira). Por último, concedéronse cinco licenzas de obra, tres licenzas de acondicionamento e apertura, dúas licenzas de apertura, cinco licenzas de primeira ocupación e unha licenza de apertura por actividades molestas.

Compartir: