Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Servizos de Normalización...

CATÁLOGO DE AGASALLOS E CARTA AOS REIS MAGOS

Os Servizos de Normalización Lingüística de Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas promoven coa Deputación unha campaña de Nadal

Xoves 16 de decembro do 2010

Ademais, o modelo para enviarlle unha Carta aos Reis Magos inclúe unha mención á figura galega de 'O Apalpador', un xigante que vive no Courel e traballa de carboeiro. Na noite de fin de ano visita as rapazas e rapaces, apálpalles a barriguiña para ver se están ben mantidos e ademais dos agasallos déixalles unha presada de castañas e deséxalles un ano novo cheo de felicidade e fartura. O responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Sande Muñiz, subliñou a importancia da colaboración dos SNL de Soneira e Bergantiños co organismo provincial, e sinalou que pode ser "o inicio dun camiño beneficioso para a xente da comarca", conseguindo "abaratar custes" e "crear sinerxías". Así mesmo, resaltou que o catálogo é unha proba de que "calquera produto pode agasallarse en galego". Sande presentou a iniciativa nunha rolda de prensa na que estiveron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como o responsable do SNL de Carballo, Nel Vidal, e representantes do SNL de Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas.

Pola súa banda, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén quixo falar da importancia do traballo conxunto e supramunicipal "para dar resposta a unha necesidade". Por outro lado, subliñou a "creatividade e ilusión o país galego" e desexou que o "'Agasallo' permita difundir a cultura galega nunha época na que o consumo ten grande importancia" e contribuíndo a crear "país e economía propia". As propostas de "Agasallo", como consta na propia guía, son produtos comerciais que están á venda a través das canles convencionais. Poren, recomendan aos clientes que, de non atopalos, os reclamen nas súas tendas habituais. O obxectivo é "contribuír a visibilizar a lingua galega e a recomendar os agasallos que a usan, que son moitos". Tamén mencionan a posibilidade de Internet para conseguir os agasallos en galego. As tres plataformas que teñen máis cantidade de produtos incluídos na guía son <www.mercadogalego.eu>, <www.toupa.net> e <wwww.biblosclube.com>.

Compartir: