Inicio Carballo ao día Hemeroteca As augas das praias de Carballo acadan unha...

EN RAZO, BALDAIO, PEDRA DO SAL E AS SAÍÑAS

As augas das praias de Carballo acadan unha cualificación "excelente" segundo as análises da nova directiva sanitaria

Venres 3 de decembro do 2010

Hai que lembrar que a boa cualificación sanitaria das augas para o baño é dun dos parámetros que se teñen en conta para a concesión do distintivo da Bandeira Azul -outorgado pola ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC)-, que este verán acadou por primeira vez As Saíñas. Nos últimos anos viñan sendo as praias de Razo-Baldaio e de Pedra do Sal as que contaban coa bandeira, pero finalmente uniuse a das Saíñas, co que en tres dos areais do termo municipal ondeou o distintivo este verán, sendo o único municipio da Costa da Morte que contou con tres bandeiras azuis. Esta bandeira recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen estes espazos naturais, atendendo a accesibilidade, o feito de que exista recollida selectiva, o servizo de salvamento e socorrismo, etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais.

No que respecta ao coidado de praias, tamén hai que lembrar que este ano adxudicouse no mes de xuño a 'Limpeza de praias do municipio de Carballo', que recaeu na empresa Eulen. A entidade ten o compromiso de incrementar o período de prestación do servizo en tempada alta en dúas semanas (dende o 16 de setembro até o 1 de outubro) e o incremento do período de tempada media en dúas semanas (dende o 1 de abril até o 15 de abril) e a duración inicial do contrato é de catro anos. Este servizo de limpeza vén a redundar no bo estado dos areais, no que tamén se ten mellorado a calidade das augas coa posta en marcha do servizo de saneamento integral de Razo, co funcionamento da nova rede de colectores e da Estación Depuradora (EDAR). O obxectivo é ofrecer unha cobertura do servizo de saneamento en todo o litoral carballés e seguir contribuíndo así á excelencia das augas. Así mesmo, hai que lembrar que este ano os areais carballeses estiveron vixiados por 32 socorristas que estiveron traballando dende principios de xuño até mediados de setembro.

Compartir: