Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicación provisional dos traballos...

XUNTANZA DA MESA DE CONTRATACIÓN

Adxudicación provisional dos traballos para a creación dunha segunda escola infantil para Carballo

Xoves 2 de decembro do 2010

Segundo se recolle no proxecto, o novo edificio distribuirase en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, na que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións. A futura escola infantil terá dúas unidades para aulas de nenos e nenas de 1 a 2 anos e tres unidades para nenos e nenas de 2 a 3 anos. Cada unha das aulas contará co seu propio aseo e conexións, tanto co espazo central de xogo, como co espazo exterior, onde se construirá unha aula ao aire libre. Tamén está previsto que o edificio dispoña de dúas aulas destinadas a nenos e nenas menores dun ano nas que haberá unha zona separada para berces. A edificación terá o seu propio aparcadoiro privado e un acceso individual para mercadorías. Estas instalacións sumaranse á Escola Infantil Municipal "As Landras" inaugurada en setembro de 2004. Subvencionada polo Concello e a Xunta de Galicia, acolle a rapaces con idades comprendidas entre os 0 e 3 anos. O centro ten un límite de 61 prazas por curso académico.

Por outra banda hai que lembrar que, a pesares da adxudicación, o Concello carballés está pendente da confirmación oficial da colaboración da Xunta na construción da segunda escola infantil para Carballo. Así, este a Xunta manifestou a súa imposibilidade de asumir o financiamento que tiña comprometido para o proxecto a través dun convenio asinado xa en novembro de 2008. Segundo ese acordo, a administración autonómica debería ter asumido o 80 por cento do custo do proxecto -obra do arquitecto José Villacé- mentres que o Concello achegaría o 20 por cento restante. Grazas á achega da Deputación, será posible sacar adiante o proxecto entre este ano e 2011, pero o Concello debería achegar máis cartos dos previstos nun inicio para asumir o importe completo da actuación. Aínda que dende o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tense manifestado unha predisposición para contribuír dalgún xeito ao financiamento, nestes momentos aínda non existe confirmación oficial neste sentido.

Compartir: