Inicio Carballo ao día Hemeroteca As III Xornadas Carballo PortaAberta abordan o...

VENRES 17 DE DECEMBRO NO TELECENTRO DO PAZO DA CULTURA

As III Xornadas Carballo PortaAberta abordan o uso das novas tecnoloxías no sector audiovisual

Venres 3 de decembro do 2010

No que respecta á descrición do programa das Xornadas Carballo PortaAberta polo miúdo, a cita comeza o día 17 de decembro no Telecentro ás 16.30 horas coa ponencia "Non saímos do lixo. Exemplos de producións low cost", a cargo de Xurxo Seara e Marcos Paino, membros de <komunicando.net>. Esta web naceu como punto de encontro da música galega non subvencionada, pero pouco a pouco foi achegándose a outras facianas culturais, como a produción audiovisual. Os poñentes falarán de cómo empregar e difundir as novas tecnoloxías para a produción audiovisual con poucos medios económicos. Ás 17.00 horas Sonia Méndez, membro da produtora Oroboro Films falará sobre "Novas tecnoloxías vs. tratamento de contidos", tratando de establecer un pequeno debate entre a accesibilidade tecnolóxica e a calidade dos contidos. A última ponencia é ás 17.30 horas e corre a cargo do xornalista Xoan R. Sampedro, e titúlase "Os pros e os contras das novas tecnoloxías para a democratización da información". Neste caso abordaranse temas de plena actualidade, como as transformacións que está sufrindo a sociedade da información hoxe en día, en constante evolución grazas á apertura aos cidadáns que achegan información coas súas fotos, vídeos e textos. Ou con casos coma o de Wikileaks, con filtracións que pode cambiar a faciana do contexto político internacional.

O peche das Xornadas está previsto para as 18.00 horas, coa celebración dunha mesa redonda na que participarán os poñentes das tres conferencias, moderados por Marta Rivadulla Bendaña e Irene Rodríguez Estévez, membros de A Lanterna Máxica, empresa responsable dos obradoiros das III Olimpíadas Tecnolóxicas. Ao remate da mesa, levarase a cabo a Entrega de Premios do I Festival de Curtas rodadas con Móbil, nas seguintes categorías: Mellor Curta, Mellor Guión, Mellor Idea Orixinal, Mellor Interpretación Masculina e Feminina, Mellor traballo de posprodución e o Premio do Público. O Premio do Público será elixido polas persoas que se acheguen ao Telecentro dende o luns 13 até o xoves 16 de decembro a visualizar as curtas do Festival. Faranse dúas pases diarias das curtas que entrar a concurso, unha en horario de mañá e outra pola tarde. Ao remate do visionado poderán depositar o voto nunha furna. Sen posibilidade de voto, as microcurtas tamén estarán dispoñibles nos principais portais de vídeos de Internet, coma Youtube, nas redes sociais, como Facebook, en a páxina web do Concello de Carballo.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, desexou na presentación das Xornadas que as Xonadas Carballo PortaAberta sigan servindo para trasladar á cidadanía as oportunidades do Telecentro e para que sigan experimentando coas novas tecnoloxías, neste caso no sector audiovisual.

Os interesados/as en descargar o cartaz en pdf poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: