Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cances asiste á inauguración do seu...

O EDIFICIO FOI FINANCIADO POLA DEPUTACIÓN E O CONCELLO

Cances asiste á inauguración do seu novo centro social, unha "casa amiga" para os veciños e veciñas

Sábado 11 de decembro do 2010

Fernández Moreda quixo subliñar que "sen dúbida unha parroquia cun movemento asociativo tan dinámico merecía un local como este". De feito, as actividades e o uso do edificio estarán xestionados pola Asociación Cultural San Campio de Cances, a Asociación de Futbol de Peñas, a Asociación de Cazadores 'A Caniza' de Cances e Oza, a Asociación Deportiva-Cultural Xuventude de Bergantiños, o Clube de Chave Bar Fergo, a Cooperativa San Martin de Cances e a Parroquia e Caritas Parroquial de Cances, entre outras. O Presidente da Deputación destacou "a excelente relación" que existe entre o organismo provincial e o Concello, xa que "é un pracer traballar co Goberno de Carballo, sabendo que se o que plantexa é sensato, as cousas poden facerse". Manifestou a importancia de que os veciños e veciñas atendan os seus dereitos, pero tamén os seus "deberes", xa que lembrou aos presentes que o centro social "ten sido pagado cos seus impostos", que se deben empregar "para mellorar o benestar" dos cidadáns. Por ese motivo, tamén animou aos políticos a que xestionen os recursos públicos con "eficacia, eficiencia e honestidade" e aos veciños e veciñas a que "usen, desfruten e coiden as instalacións".

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero destacou que o de Cances é un dos seis centros sociais que o Concello ten creado nas parroquias, uníndose aos de Berdillo, Sofán, Imende, Oza e A Brea, nun esforzo por que Carballo medre con equilibrio entre o centro e as parroquias. Fixo un percorrido polos seus anos en Cances, exercendo a profesión docente hai 30 anos na escola unitaria situada fronte ao centro social, e agradecendo aos veciños e veciñas da parroquia que "sempre fixeron levadeiras aquelas horas de traballo". Lembrou as orixes do centro social, cando a necesidade dunha nova unidade escolar acelerou a construción do edificio. Como Fernández Moreda, subliñou a importancia da colaboración entre institucións para poder levar a cabo proxectos, especialmente coa Deputación, coa que se teñen construído en Carballo os centros sociais de Sofán e Cances, os paneis solares da piscina Carballo Calero e agora a segunda escola infantil. Encomendou aos veciños e veciñas que sexan garantes da actividade no novo edificio, de cuxas paredes xa colgan en exposición as obras do artista local Miguel Anxo Calvo 'O'Mighelo'. E rematou subliñando unha vez máis o dinamismo das actividades da parroquia e ofrecendo a colaboración do Concello para contribuír a ese dinamismo.

Ademais dos discursos, a inauguración contou coas actuacións musicais da Banda Municipal de Gaitas, das Cantareiras de Cances e dos grupos musicais da parroquia Quen(mos)queira e Trastes.

Compartir: