Inicio Carballo ao día Hemeroteca O mercado municipal de Carballo abre ao...

CREACIÓN DUNHA ZONA PROVISIONAL DE CARGA E DESCARGA

O mercado municipal de Carballo abre ao público os novos postos de alimentación do primeiro andar

Xoves 16 de decembro do 2010

No que respecta á marcha das obras, os operarios da empresa Decoraciones J. Bello continúan cos traballos nas outras seccións do edificio. Así, seguirase ultimando o acondicionamento do segundo andar e tamén é o momento de remodelar o soto, que ademais de acoller os postos exteriores estará destinado a almacén e a carga e descarga e contará con vestiarios, aseos e cámaras frigoríficas. Mentres continúan as obras de acondicionamento, o Concello informa de que estará habilitada unha nova zona de carga e descarga nas dúas marxes da Gran Vía, entre a rúa Álvarez de Sotomayor e a Gravador Manuel Facal, para facilitar o transporte das mercadorías. Trátase dunha medida provisional, mentres non se remata cos traballos no soto, ao igual que sucedeu na rúa Cervantes, que irá recuperando pouco a pouco a normalidade e as prazas de estacionamento de zona azul. O obxectivo é que o edificio estea completamente rematado no mes de marzo, aínda que polo momento no primeiro andar xa se comezou a traballar con normalidade cos novos postos. Nestes momentos tan só quedan libres de ocupación 6 locais no primeiro andar, 2 postos exteriores e unha concesión para crear unha cafetería.

No que respecta ao regulamento do novo mercado e ao seu futuro funcionamento, o pleno de novembro supuxo o visto bo para a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora das taxas pola prestación de servizos no Mercado Municipal. O seguinte paso será adxudicar os postos que están libres e elaborar unha normativa de uso, tendo en conta as necesidades do novo edificio. Dentro desta normativa podería incluírse, por exemplo, o uso dos distintos espazos comúns do edificio, así como aspectos como a limpeza, a necesidade ou non de contar cun uniforme ou a consolidación dunhas normas xerais para o mercado, entre outros. Hai que mencionar que, no día da estrea, a maioría dos carniceiros acordaron levar un mandil vermello, acorde coa cor da súa sección, ademais de que algúns panadeiros o levaron amarelo e nos postos de verdura, algúns o levaron verde. Así mesmo, xa estaba presente a decoración de Nadal e o obxectivo para o futuro, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, e adoptar iniciativas que permitan dinamizar o mercado e atraer aínda máis aos veciños e veciñas. Hai que lembrar que o proxecto de reforma integral do mercado municipal de Carballo foi elaborado pola empresa coruñesa Abadeus Arquitectura SLP e que o orzamento para a realización da obra é de aproximadamente 1,8 millóns de euros.

Compartir: