Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Nadal Pequespectacular, Papá Noel e os...

ENTRE O 17 DE DECEMBRO E O 8 DE XANEIRO

O Nadal Pequespectacular, Papá Noel e os Reis Magos centran un Nadal Cultural para o público familiar

Mércores 15 de decembro do 2010

O Nadal Pequespectacular inclué actuacións da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) que principian o luns 27 con Caramuxo Teatro e 'Os Bolechas', nun espectáculo de comedia musical con monicreques. O prezo é de 2,5 euros, 2 euros co desconto aplicable aos maiores de 65 e aos menores de 12 anos. O martes 28 Teatro do Morcego presenta os seus 'Saltimbanquis', un musical coa presenza dun burro, unha galiña, unha vaca e un can (prezo de 3,5 euros, 2,5 con desconto). O mércores 29 visita Carballo por primeira vez a compañía vasca Teatro Paraíso Sal, co seu 'Flautista máxico' inspirado na historia do famoso frautista de Hamelin (prezo de 3,5 euros, 2,5 con desconto). Pecha o ciclo o xoves 30 a gala 'Nadal Máxico 2010', un festival con cinco dos mellores magos galegos: o Mago Antón, o Mago Richard, o Mago Romaís, o Mago Pablo e Kiko Pastur. Haberá música e, por suposto, grandes sorpresas(prezo de 3,5 euros, 2,5 con desconto). Todas as funcións son no auditorio do Pazo da Cultura ás 18.00 horas.

En canto á presenza de Papá Noel e os Reis Magos, o primeiro visitará as escolas unitarias do municipio e os nenos e nenas de Preescolar na casa entre o luns 20 e o martes 22 de decembro, coa colaboración de Todo Lar. E o mércores 5 e xaneiro é a Cabalgata de Reis, organizada polo Fogar da Xuventude e con saída ás 17.30 horas do CC Bergantiños-Haley. Conta co patrocinio do CC Bergantiños, La Caixa e Gonzacar. A Ludoteca tamén terá citas para os cativos e cativas no Nadal, cunha sesión de contacontos o venres 17 con Fran Ínsua ás 18.00 horas e coa popular Chocolatada (é preciso convite previo), neste caso o xoves 30 ás 19.30 horas. Dentro da oferta cultural hai que subliñar o debut, xa que expón por primeira vez, do artista carballés Jacobo Veiga, que manterá as súas obras entre o 16 de decembro e o 16 de xaneiro, en horario de 18.00 a 21.00 horas no Pazo da Cultura. O programa tampouco esquece aos maiores, co Festival de Nadal para a terceira idade o domingo 19 ás 18.00 horas no Pazo da Cultura. Por último, o Concello quere lembrar que Ifecgás Pereira patrocina, un ano máis, o alumeado de Nadal de Carballo, que será acendido o venres 17 ás 18.15 horas.

Postal e cartel de Nadal

Ademais o Concello de Carballo felicita un ano máis as festas cunha postal escollida no Concurso de Cartel e Postal de Nadal, que este ano gañou Alejandra Pastoriza Carbajales, de 5 anos e do CEIP A Cristina. Coa súa imaxe o Concello ilustra a postal coa que desexa o mellor para o Nadal. En segundo lugar quedou Alberto García Amarelle, tamén de 5 anos e da EEI Encrucilladas-Oza. A súa imaxe é o cartel promocional do programa de Nadal. Así mesmo, o xurado concedeu cinco accésits: Samuel domínguez Fondo, CEIP A Cristina, Miguel Muíño Pose, CEIP A Cristina, Martín Varela Velo, CEIP A Cristina, Rubén Varela Cambón, CEIP Fogar, e Lucía Velo Garda da EEI Encrucilladas-Oza. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar o esforzo que se realiza en mellorar Carballo nestas datas, especialmente co alumeado, do que destacou a súa "calidade", co obxectivo de animar á xente a que merque na vila. Así mesmo, lembrou que os postos de alimentación do mercado municipal xa abren as súas portas coa reforma rematada, co obxectivo de que, nestas festas que hai máis actividade "se vexa o seu funcionamento e o atractivo que supón para mercar en Carballo".

Os interesados e interesadas poden consultar máis abaixo, nesta mesma nova, o programa de Nadal ao completo en pdf, así como as imaxes gañadoras e os accésits do Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2010. Para enviar unha postal coa imaxe gañadora co Concello, os interesados e interesadas tamén poden premer aquí.

Compartir: