Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un alumno do IES Isidro Parga Pondal gaña...

NA CATEGORÍA DE ADMINISTRACIÓN DE SISTEMAS INFORMÁTICOS

Un alumno do IES Isidro Parga Pondal gaña o Campionato Galego da Formación Profesional, GaliciaSkills

Venres 17 de decembro do 2010

Durante a celebración do Campionato Galego da Formación Profesional, GaliciaSkills 2010, que tivo lugar por primeira vez este ano, Ismael Castiñeira e Michel Vila tiveron que pasar unha proba na que tiñan que coller un ordenador por pezas e, ademais de montalo, conectalo aos servidores, establecer unha rede e outras tarefas para as que tiñan un prazo de 8 horas, entre as 10.00 e as 18.00 horas. Os dous subliñaron a excelente relación que mantiveron cos competidores, así como o "bo ambiente" que había no concurso. Ismael Castiñeira enfrontarase agora ao reto de Madrid, nas Olimpíadas da Formación Profesional SpainSkills 2011, con estudantes de distintos ciclos de formación profesional procedentes de todas as Comunidades Autónomas e Ceuta e Melilla, que medirán as súas destrezas e habilidades en cerca de trinta skills ou profesións. Cada participante demostrará a súa competenciadurante catro días de competición a través dunha ou varias probas de carácter práctico. Os campións de España participarán no Campionato Mundial de Londres en setembro de 2011. Os subcampións de España participarán no Campionato Europeo que terá lugar en Bélxica.

Os profesores e representantes do IES Parga Pondal manifestaron a vontade de preparar moi ben a proba de abril e aseguraron que o seu obxectivo e chegar a competir en Londres, ademais de mellorar a clasificación no GaliciaSkills de 2011. O Alcalde de Carballo, ademais de felicitar aos premiados, expresou a importancia de que se potencien profesións que poden seguir tendo cabida en tempos de crise e mostrouse dacordo en que é importante que os estudantes carballeses tamén participen con éxito en competencias non deportivas. Tamén desexou que se facilite a inserción profesional nos ciclos formativos, xa que entre os obxectivos do Campionato da Formación Profesional está a posta en valor da calidade e o atractivo das ensinanzas de formación profesional; motivar ao alumnado para a mellora da calidade da FP ou potenciar as relacións dos centros nos que se imparten ciclos formativos coas empresas dos sectores correspondentes.

Compartir: