Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Misterio na panadería" e...

PECHE DAS III XORNADAS CARBALLO PORTAABERTA

"Misterio na panadería" e "Inxustizas" Mellor Curta e Premio do Público no I Festival de Curtas Rodadas con Móbil

Venres 17 de decembro do 2010

No que respecta ao desenvolvemento das Xornadas, centráronse en tres conferencias e unha mesa redonda. En primeiro lugar foi a ponencia "Non saímos do lixo. Exemplos de producións low cost", a cargo de Xurxo Seara e Marcos Paino, membros da web <komunicando.net>, dedicada á música nun principio pero agora diversificada tamén no sector audiovisual. Logo estaba prevista unha conferencia de Sonia Méndez, membro da produtora Oroboro Films, que non puido asistir e foi substituída por Román Gutiérrez de <aproductoramorta>, que falou sobre "A democratización do audiosivual grazas ás novas tecnoloxías". A última ponencia correu a cargo do xornalista Xoan R. Sampedro, e titulouse "Os pros e os contras das novas tecnoloxías para a democratización da información". O peche consistiu nunha mesa redonda na que se abordaron os temas tratados das conferencias. Xurxo Seara e Marcos Paino reflexionaron sobre as facilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para realizar produtos audiovisuais, como a súa serie "Non saímos do lixo", a custe 0, ou como comentaban bromeando "gastando os 50 euros que custan as pizzas". A súa filosofía para reducir custes é ir "producindo sobre a marcha", gravar o programa "sempre en menos dunha xornada laboral de oito horas", non realizar "nunca máis de tres tomas", e non gastar cartos en case nada. Para rematar amosaron un dos capítulos da súa serie, titulado "A fin", colgado en Internet na súa web.

Román Gutiérrez fixo fincapé no feito de que "a democratización do audiovisual fai posible que todo o mundo teña acceso a facer unha película", e tamén que exista unha sobre saturación que lle concede moita importancia aos canais por onde se distribúe a información, e que a súa efectividade supoña, en grande medida, o éxito dos produtos. Así mesmo, considera que a excesiva cantidade de produtos contribúe a reducir a orixinalidade e cre, ao igual que Xoan R. Sampedro, que falou na última ponencia, que nun futuro non moi lonxano os gobernos ou as grandes empresas conseguirán o control e Internet e exercer a censura, de tal xeito que non haberá acceso libre a calquera contido, como ocorre agora. Finalmente, Sampedro puxo exemplos da democratización da información a través de <galizacontrainfo>, unha web na que se poden atopar informacións que nunca se recollerían nun medio de comunicación de masas. Na mesa redonda, na que estiveron todos os poñentes, xurdiron temas de actualidade, como o fenómeno de Wikileaks e os diferentes xeitos que están tendo os medios nacionais, El País, ou estranxeiros como o New York Times ou The Guardian, de filtrar a información e de revelar datos que normalmente non sairía á luz. Como remate das xornadas, ademais da entrega de premios do I Festival de Curtas Rodadas con Móbil, proxectáronse na pantalla grande do Telecentro as curtas, así como un breve 'making of' das rodaxes de tres minutos de duración.

Compartir: