Inicio Carballo ao día Hemeroteca Monicreques, música, teatro e maxia para...

ENTRE O LUNS 27 E O XOVES 30 DE DECEMBRO

Monicreques, música, teatro e maxia para os máis cativos e cativas no Nadal Pequespectacular

Luns 27 de decembro do 2010

Falando de cada proposta polo miúdo, o luns 27 de decembro a compañía galega Caramuxo Teatro achegaranos o espectáculo de 'Os Bolechas', baseado nun dos éxitos da literatura infantil en galego, creado por Pepe Barreiro. Unha comedia musical con monicreques que narra as aventuras da familia integrada por Tatá, as xemelgas Pili e Loli, Carlos, Braulio, Sonia e o can Chispa. Moitas aventuras e divertidas ocorrencias desta simpática familia. Caramuxo Teatro nace no ano 2003 como unha compañía especializada no público infantil e familiar, que xa disfrutou en Carballo de espectáculos como Historia dunha semente. O martes 28 visita Carballo outra compañía galega, ben coñecida polo público carballés, Teatro do Morcego que, nesta ocasión, presenta o espectáculo infantil chamado 'Saltimbanquis', unha comedia musical. O protagonista do espectáculo é un burro, que, cansado da explotación e dos malos tratos do patrón, decide abandonar a facenda onde traballa. Polo camiño atopa un can, unha gata e unha galiña, que tamén foxen dos seus amos. Os catro formarán así un conxunto musical e viaxarán xuntos cara a cidade, na procura dunha vida mellor. Teatro do Morcego é unha das compañías máis importantes de Galicia, e que foi fundada no ano 1989. Un dos seus fundadores é Celso Parada, actor e director que foi nomeado Xograr de Outono 2005 no Festival Internacional Outono de Teatro.

Os espectáculos continúan o mércores 29 coa importante compañía vasca Teatro Paraíso Sal que presentará 'El flautista mágico' (na imaxe), un espectáculo teatral cheo de moita música e moitas sorpresas. O governador de Hamelin contratea a un flautista para que expulse coa súa música aos ratos que invaden a cidade. Aínda que non todo é o que parece. Teatro Paraíso é un das compañías máis importantes do teatro infantil e xuvenil do panorama escénico en España, que se caracteriza por desenvolver proxectos de teatro relacionado coa infancia e a educación. Ten recibido premios tan importantes como o premio ao mellor espazo escénico por 'El flautista mágico' en Feten 2010. E para rematar o xoves 30 de decembro, o público poderá desfrutar da Gala Nadal Máxico 2010, na que participan cinco dos mellores magos en Galicia: o carballés mago Pablo, o mago Kiko Pastur, o mago Richard, o mago Romarís e o mago Antón. O mago Antón é un dos referentes máis importantes da maxia en Galicia, con gran experiencia e trucos insólitos; co mago Richard poderá o público participar coas maxias máis irreverentes; está tamén o humor-máxico e televisivo co mago Romarís; a maxia de man chega con Kiko Pastur e o mago carballés Pablo poñerá en escena maxia con pombas.

As entradas para asistir aos espectáculos do Nadal Pequespectacular poden reservarse nas oficinas de Cultura do primeiro andar do Pazo, e poden recollerse as reservas e as entradas o mesmo día da función no despacho de billetes do Pazo da Cultura a partir das 16.00 horas. Os prezos son de 3,5 euros (os días 28, 29 e 30) e 2,5 euros (o día 27). Existen descontos para os menores de 12 anos e maiores de 65. Todas as representacións teñen lugar ás 18.00 horas.

Compartir: