Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo pon e marcha un Plan de Mellora da Imaxe...

PODERÁN PARTICIPAR 25 ESTABLECEMENTOS DA VILA

Carballo pon e marcha un Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo dentro do proxecto Fórum Carballo

Mércores 29 de decembro do 2010

O Plan foi presentado coa presenza do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín e da Concelleira de Formación e Emprego, María Manso, ademais de con dous representantes de I2, a consultora que se encargará de por en marcha o programa. Está previsto que a selección dos 25 establecementos estea lista a finais de xaneiro, para comezar a traballar o antes posible. Segundo os membros da consultora, o obxectivo é realizar entrevistas individualizadas nas que se analizarán os rótulos, a iluminación, o xeito en que están expostos os produtos, o mobiliario ou a rendibilidade do punto de venda. Con eses datos elaborarase un informe coas carencias e fortalezas da tenda, ademais dunha ficha técnica do establecemento. A partires de aí, ofreceranse as indicacións para mellorar a imaxe e para conseguir obter o máximo rendemento do local e do negocio, en resumo "para ser máis competitivos". Así mesmo, está previsto que, paralelamente, a consultora organice charlas de formación, recollendo consellos e actuacións que se poden realizar, incluso tendo en conta parámetros empregados en grandes empresas comerciais. O obxectivo é mellorar os establecementos a curto, medio e longo prazo.

O Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo conta, así mesmo, cunha segunda fase na que, logo da entrega dos informes personalizados -tanto en formato papel como dixital- haberá un Concurso de Escaparatismo entre os 25 locais no que se repartirán 3 premios. O primeiro consiste en que o gañador poderá contar coa elaboración especializada de tres escaparates ao longo da tempada, elixindo as épocas máis propicias, como poden ser Rebaixas ou Nadal. O segundo clasificado obtén dous escaparates e o terceiro, un. Respecto dos custos e as características da subvención, García Guillín subliña que nin o informe nin os escaparates do premio suporán gasto algún para os participantes, xa que están financiados entre o Fórum Carballo e o Concello no marco do Plan. Porén, as posibles reformas que se realicen nos locais a partires dos informes correrán a cargo dos comerciantes. A consultora quixo subliñar que o informe tamén ten como obxectivo realizar un plan de viabilidade para as posibles reformas, e resaltou ademais que moitos dos cambios poden realizarse de xeito gratuíto ou con custes mínimos. Así mesmo, dependendo do éxito deste plan e da súa repercusión, existe a posibilidade de que se repita no futuro.

Compartir: