Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo para participar na II Ruta do...

INSCRICIÓNS ANTES DAS 20.00 HORAS DO 18 DE XANEIRO

Aberto o prazo para participar na II Ruta do Pincho de Inverno, que ten lugar entre o 29 de xaneiro e o 6 de marzo

Mércores 5 de xaneiro do 2011

O horario do Museo de Bergantiños para formalizar as inscricións, mediante a entrega dunha solicitude que implica a aceptación das bases, é o seguinte: polas mañás de martes a sábado de 12.00 a 14.00 horas; polas tardes de 18.00 a 20.00, e os domingos de feira de 11.00 a 14.00 horas. Tamén é posible obter máis información no teléfono 981 702 077. En canto ás características dos pinchos, as bases, unha vez máis, especifican que serán necesariamente de elaboración propia e só se admitirán as receitas que se poidan servir ou elaborar como tapa, non admitíndose aquelas que poidan entenderse como pratos ou racións. Deberán realizarse receitas temáticas e creativas e cunha presentación coidada. Así mesmo, como en edicións anteriores, haberá sorteo de agasallos para os veciños e veciñas que participen na ruta. Así, quen consigan completar o cartón de locais con todos os cuños poderán participar no sorteo dun premio que consistirá nunha cea para dúas persoas por valor de 100 euros nun dos locais participantes na ruta (premio patrocinado polos locais participantes na Ruta do Pincho de Inverno).

Os locais hostaleiros de Carballo teñen acollido até o momento tres Rutas do Pincho, dúas en verán e unha o inverno pasado, en todos os casos cunha notable participación de público. O obxectivo desta iniciativa é a promoción dos establecementos hostaleiros, pero tamén dos diferentes Feiróns de Tempada e os produtos da terra, xa que é unha actividade usualmente ligada ás feiras dos quintos domingos de mes. Respecto dos Feiróns de Tempada, celébranse dende o ano 2008 cando o Concello, en colaboración cos diversos sectores empresariais da zona, decidiu promover os catro Feiróns que se celebran ao longo do ano, que xeralmente coinciden coas estacións de Primavera, Verán, Outono e Inverno. Así, coincidindo co mercado dos quintos domingos de mes, os visitantes poden coñecer a oferta agroforestal, comercial e industrial das empresas do municipio e desfrutar dela. Os interesados e interesadas en obter aínda máis información, tamén poden facelo no correo electrónico <museo@carballo.org>.

Compartir: