Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello ten atendido máis de 4.200...

MÁIS DE 1500 PRODUCÍRONSE NO ANO 2010

O Concello ten atendido máis de 4.200 avisos veciñais nos últimos tres anos, a maioría referentes ao alumeado

Mércores 5 de xaneiro do 2011

Analizando polo miúdo os datos de 2010, confírmase que a maioría das peticións e arranxos foron relativos ao alumeado, xa que as demandas respecto de reparacións de focos neste período supuxeron un 58 por cento do total, con 906 avisos. En segundo lugar, os veciños e veciñas realizan peticións relacionadas con Carballo Limpo, cun total de 400 demandas rexistradas que supuxeron o 26 por cento do total. O servizo Carballo Limpo comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente grazas á colaboración da veciñanza, e dentro das súas funcións inclúense, por exemplo, os labores de desratización ou os de mantemento dos colectores de recollida de lixo e de recollida selectiva. Contémplanse, así mesmo, os servizos do Punto Limpo e o Punto Limpo Móbil, ademais da recollida de cartón pregado a pé de porta. As demandas dos veciños en 2010 tamén se referiron aos servizos de auga, luz, recollida de lixo, saneamentos ou avarías telefónicas. Este apartado ocupa o terceiro lugar cun 7 por cento do total e 101 peticións. Xa cun 4 por cento contabilízanse os avisos relativos aos arranxos en equipamento, como mobiliario, edificios municipais ou infraestruturas deportivas, cun total de 68.

Cun 2 por cento están as demandas para reparacións nos sinais informativos e de tráfico e para os arranxos na rede viaria municipal, con 30 e 24 incidencias respectivamente. Por último, cun 1 por cento contabilízanse as peticións de limpeza de espacios públicos, zonas verdes ou xardíns, con 16 avisos. No que respecta á distribución das peticións ao longo do ano, o mes con máis incidencias foi o de xaneiro, cun total de 186, seguido de outubro, con 176, e novembro, con 164. Se atendemos aos datos por parroquias, a que rexistrou máis avisos foi a de Carballo, seguida por Sofán, Rus e Berdillo, que superaron en todos os casos os 100 avisos, sobrepasándose os 200 no caso de Carballo. Pola contra, nos últimos postos están Aldemunde, Goiáns e Vilela. En xeral, a tendencia do ano 2010 foi moi similar á de períodos anteriores. Así, por exemplo, en 2009, o segundo servizo máis demandado tamén foi o referido a Carballo Limpo, cun 32,2 por cento das peticións e un total de 454 avisos. Nese ano, tamén ocuparon o terceiro lugar os servizos en xeral de auga, luz, recollida de lixo, saneamento ou teléfono, cun 5,4 por cento e un total de 77 avisos. Por último, hai que mencionar que entre 2008 e 2010 as demandas veciñais de servizos e de arranxos no municipio téñense incrementado nun 15,5 por cento.

Compartir: