Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 15 espectáculos de...

ENTRE O 14 DE XANEIRO E O 17 DE ABRIL

Un total de 15 espectáculos de música e teatro e catro exposicións conforman o programa dos Venres Culturais 2011

Venres 14 de xaneiro do 2011

Botando unha ollada polo programa polo miúdo, un dos apartados máis importantes é o do teatro. O programa principia o venres 21 de xaneiro coa visita a Carballo por vez primeira dos santiagueses Obras Públicas e o musical "Life is a paripé". Unha semana despois -28 de xaneiro- Teatro do Morcego escenifica a comedia "A Nona", baseada nun texto do arxentino Roberto Cossa. O venres 11 de febreiro chega outra compañía que nunca estivera na vila, EME2 Emoción&Arte, presentando o seu monólogo "Sexo? Por qué non?" con Mercedes Castro. Talía Teatro escolle Carballo para estrear o 25 de febreiro a súa última produción, "Pelos na lingua", que pode considerarse a segunda parte da moi exitosa "Bicos con lingua" e na que siguen reflexionando sobre as peculiaridades da fala. Xa en marzo, o día 18, Teatro de Ningures trae a obra "Atra Bile", na que xorde unha estraña comedia progagonizada por tres irmáns. Pecha o ciclo de teatro dos Venres Culturais Teatro do Atlántico o 25 de marzo con "Memoria de Elena e María", ambientada nos meses previos á Guerra Civil. O prezo da maioría das citas é de 3,5 euros, 2,5 con desconto.

No apartado de música e concertos, o programa ten unha clara aposta por agrupacións e músicos de Carballo, que a través dun convenio coa Concellaría de Cultura, realizan varias actuacións ao longo do ano. Porén, abre as citas musicais o 4 de febreiro un músico do Reino Unido acompañado da súa banda. Duncan Maitland & Barry O'Brien presentan o seu primeiro traballo, "Lullabies for the 21st century" ("Cantos de berce para o século XXI"). O 18 de febreiro é a quenda do grupo carballés Franc3s, que presentan o seu primeiro disco de longa duración, "Aislamiento". Nestas dúas citas, o prezo da entrada é de 3 euros, 2 con desconto. Os seguintes concertos, en cambio, son de balde. Así, o venres 11 de marzo está programado o Rock Carballo, coa colaboración de grupos como Falso Joker, Killer Cats, Lowcos, Snots, The Cerne e Versión Imposible, aos que se poderán sumar máis grupos no futuro. E pecha o ciclo musical The Homens con "Detrás da canción-Concerto acústico" o sábado 26 de marzo. A banda de powerpop ofrece unha actividade incluída dentro do programa de dinamización lingüística "Detrás da canción" -de Bocaberta da Xunta de Galicia- que inclúe tamén un obradoiro de música caseira ao que se pode acudir, previa inscrición.

Por último está o apartado En familia, con espectáculos dirixidos aos cativos e cativas e ao público familiar. Neste caso, as citas soen ser os domingos ás 18.00 horas. As actividades principian o 23 de xaneiro con Títeres Trompicallo e "O día que chegou unha nube e choveu". Segue o 6 de febreiro co debut en Carballo da compañía O retrete de Dorian Gray e a súa "Rúa Aire", nunha representación de monicreques feitos con globos. Continúa o día 20 de febreiro con Elefante Elegante e "Tristán cara de can", unha comedia xestual e visual. O 20 de marzo Artello Teatro Scala 1:5 presenta Cinderella Mix, unha versión máis moderna do tradicional conto de Cincenta. E o programa para os cativos e cativas pecha o domingo 27 de marzo con Ghazafhellos e "Frankenstein", no que grazas á tremoia introducen ao espectador nunha fascinante aventura. O prezo da maioría das citas é de 2,5 euros, 2 con desconto. Complementan os Venres Culturais as exposicións, catro que se desenvolven entre o 14 de xaneiro e o 17 de abril. Principia "Irmáns Mayo. A Guerra Civil española", até o 23 de xaneiro. Do 2 ao 28 de febreiro Carballo acolle a mostra da IX Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, así como a entrega de premios do certame co que se realiza a exposición. Do 3 de marzo ao 3 de abril é a quenda do artista carballés afincado en Madrid Manuel Pazos e "O.V. (Octopus Vulgaris)". E pecha o ciclo a tradicional exposición do XIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, entre o 17 de marzo e o 17 de abril. O horario habitual das citas é de 18.00 a 21.00 horas.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, quixeron agradecer a colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) a través dos espectáculos da Rede de Teatros e Auditorios, así como da Deputación e do Eixo Atlántico e do programa Bocaberta da Xunta de Galicia. Os interesados e interesadas en descargar o programa ao completo, poden facelo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: