Inicio Carballo ao día Hemeroteca O equipo redactor do PXOM espera enviar o...

OS TÉCNICOS ESTUDAN O INFORME EMITIDO POR AVALIACIÓN AMBIENTAL

O equipo redactor do PXOM espera enviar o documento completo para a emisión do informe previo da Xunta en febreiro

Xoves 30 de decembro do 2010

Hai que lembrar que Carballo está inmerso nun proceso para revisar o Plan Xeral de Ordenación Municipal existente, aprobado en 2003 e que foi anulado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no ano 2007 que está agora recorrida. Esta revisión supón a elaboración dun documento completamente novo, que está nestes momentos en pleno proceso de tramitación e a piques de contar cunha versión definitiva para que a Xunta emita o informe previo. Así, segundo explican o Alcalde e o Tenente de Alcalde, o equipo redactor ten o groso do texto practicamente elaborado nestes momentos, polo que agora o seguinte paso é realizar un estudo pormenorizado e detallado do documento rector emitido o 14 de decembro pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, xa que pode conter decisións de calado que afecten ao conxunto do PXOM. Tamén lembran que hai que ter en conta as directrices da Xunta xa que este é o organismo que, en última instancia, aproba ou rexeita o PXOM. Así mesmo, indican que os cidadáns interesados en consultar o documento de referencia emitido pola Xunta, poden facelo con total transparencia na web da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dende o pasado 14 de decembro.

Respecto dos trámites que restan para a aprobación do novo PXOM carballés, o seguinte paso tralo estudo e incorporación -se os técnicos o consideran convinte- das recomendacións do documento emitido este mes pola Secretaría Xeral, é o de elaborar a versión definitiva do documento e envialo á Xunta. Os técnicos cren que este trámite podería realizarse a finais de febreiro ou principios de marzo de 2011 cando a Xunta terá un prazo de dous meses para emitir un informe previo. Este documento volve á Oficina Técnica de Carballo, onde o equipo redactor recollerá as modificacións que indique este informe previo e o levará ao pleno para a súa aprobación inicial. Será nese momento cando todos os veciños e veciñas terán acceso ao documento definitivo para examinalo e proceder á formulación de alegacións -se así o consideran- durante un período de exposición pública de dous meses. Logo da resolución de alegacións o pleno procede a debater a aprobación definitiva do PXOM, e o Concello o remite de novo á Xunta para a súa ratificación final. Trátase dun proceso longo que o Goberno local espera axilizar na medida do posible, pero sempre ofrecendo as garantías legais e normativas oportunas.

Compartir: