Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Reis Magos percorren Carballo na tradicional...

MÉRCORES 5 DE XANEIRO A PARTIRES DAS 17.30 HORAS

Os Reis Magos percorren Carballo na tradicional cabalgata e reciben as peticións dos cativos e cativas

Mércores 5 de xaneiro do 2011

En canto ao percorrido dos Reis Magos polo casco urbano polo miúdo, as súas Maxestades chegan en coches ao Centro Comercial Bergantiños-Haley escoltados pola Policía Local e Protección Civil e saudarán aos nenos e nenas que estean alí antes de subir ás carrozas. No que respecta ás rúas do centro da vila, do Centro Comercial Bergantiños-Haley pasarán pola estrada de Malpica, a rúa Luís Calvo, a rúa Barcelona, a rúa Fomento, a rúa Río Anllóns, a Praza da Milagrosa, a rúa Compostela, A Brea, a rúa Verdillo, a rúa do Sol, a rúa Gran Vía, a rúa Vázquez de Parga, a Praza de Galicia, a rúa Coruña -onde está prevista unha parada para que as SS MM os Reis Magos se acheguen á Igrexa Parroquial San Xóan Bautista- e, finalmente, dirixiranse cara á Praza do Concello onde recibirán a todos os nenos e nenas. O acto de recepción ten lugar na carpa que está instalada diante do Concello onde poderán esperar os nenos e nenas e as nais e pais. Á chegada dos Reis, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, en nome de todos os cidadáns da vila, recibirá e saudará ás súas Maxestades.

Por outra banda, hai que subliñar que durante a espera dos Reis Magos os nenos e nenas que o desexen poderán desfrutar de animación de rúa na Praza do Concello a partir das 18.30 horas con actividades de globoflexia, xogos de animación e maquillaxe, ata a chegada da cabalgata. A organización quere agradecer a colaboración da agrupación de Protección Civil de Carballo, da Policía Local de Carballo, da Brigada Municipal de Obras, do Centro Comercial Bergantiños-Haley, de Gonzacar e de Alquileres Reneymar, que instalará calefactores baixo a carpa da Praza, ademais de achegar un camión para a cabalgata. Hai que subliñar, así mesmo, a participación de Ecoquad Galicia que participarán no percorrido da cabalgata. Por último, hai que mencionar que, ademais de que as parroquias celebran as súas propias cabalgatas, hai varios actos previstos para o Día de Reis, como son, por exemplo, a escenificación dun nacemento vivinte na Igrexa de Sísamo (10.30 horas) ou unha chocolatada e degustación de roscón de Reis na Igrexa de Razo (11.00 horas). Para consultar o programa de Nadal ao completo, os interesados e interesadas poden premer aquí.

Compartir: