Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello lembra as condicións para...

HABERÁ INSPECCIÓNS PARA FACER CUMPRIR A ORDENANZA

O Concello lembra as condicións para instalar terrazas de hostalería con motivo da Lei Antitabaco

Luns 17 de xaneiro do 2011

Entre as condicións que se recollen na normativa para poder implantar as terrazas, hai que subliñar algunhas, como que a solicitude debe facerse a través dunha instancia dirixida ao Alcalde; que non se poderá instalar a terraza mentres non exista resolución acerca desta solicitude; que a autorización non se concede por mesas, senón por unidades de superficie, establecéndose un máximo de mesas; que as unidades se agrupan en módulos de 2x2 metros, correspondendo a una mesa e catro sillas. En canto ao prazo estipulado, as autorizacións poderán ser anuais ou por tempada, sen que en ningún caso poidan exceder de un ano. Entenderanse por autorizacións de tempada as que vaian desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro, ámbolos dous inclusive, e por anuais as que autoricen a instalación desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro. O interesado deberá, en calquera caso, solicitar a renovación do permiso ao remate da vixencia da autorización.

Respecto das condicións da implantación da terraza, hai que ter en conta que a ocupación nunca poderá impedir o tránsito dos peóns polas beirarrúas, debendo deixar, como mínimo, un paso de 1,50 metros de ancho totalmente libre de mesas ou cadeiras dentro da beirarrúa, garantindo o paso simultáneo de dúas persoas. Así mesmo, en ningún caso se poderá autorizar a ocupación de parte dos carrís de circulación de vehículos na calzada. En todo caso, deberanse colocar mamparas, delimitando o perímetro máximo de ocupación autorizada da terraza, salvo na parte que linde coa beirarrúa. O titular da autorización deberá manter limpa a zona da terraza e a beirarrúa entre esta e o establecemento, ademais de que ao remate de cada xornada, antes do peche do establecemento, deberán ser retiradas as mesas, cadeiras e outros elementos auxiliares (parasoles, barras móviles, etc.) da terraza. Os elementos non poderán ser gardados ou depositados, unha vez recollidos, no dominio público, salvo autorización expresa. Con carácter xeral, non se poderán mante-las terrazas colocadas na vía pública a partires das 0.00 horas, e nunca se poderán colocar antes das 08.00 horas, por ser fontes de potencial emisión de ruído.

Os interesados e interesadas en consultar a Ordenanza Xeral de Ocupacion do Dominio Público Local con Terrazas de Hostalería polo miúdo, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: