Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aproba por unanimidade...

O CONCELLO PIDE QUE SE RESTABLEZA O SERVIZO DE AMBULANCIAS

A corporación aproba por unanimidade dedicar a glorieta do "Peixe" aos bombeiros voluntarios

Martes 1 de febreiro do 2011

Coas abstencións do PP aprobáronse tanto a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Carballo, coa creación de catro novos códigos relativos á Policía Local; como o regulamento de recoñecemento e aplicación da situación administrativa de segunda actividade, tamén para o colectivo da Policía Local de Carballo. Por este acordo, os axentes que cheguen a unha determinada idade ou teñan diminuídas as súas condicións psicofísicas, poderán substituír o traballo operativo por outras actividades recollidas nun regulamento. Entre estas actividades están labores de vixilancia en edificios municipais, operativos de tráfico, control do absentismo escolar ou tarefas administrativas, entre outras. O pleno tamén sacou adiante unha pequena modificación ao Plan de Obras e Servizos (POS) 2011, pola que se adaptan os parámetros da achega mínima obrigatoria do Concello ao cinco por cento.

Na orde do día hai que mencionar así mesmo a aprobación dunha moción presentada por Terra Galega na que se insta ao Servicio Galego de Saúde a facer todos os esforzos necesarios "para que no prazo máis breve posible se resolvan os conflitos coas empresas concesionarias do servizo de traslado de doentes na Costa da Morte". Este servizo afecta a persoas que reciben tratamentos de dialixis, logopedia, encoloxía, rehabilitación, fisioterapia, etc. En Carballo, a folga da empresa Ambugallegas deixa sen servizo a 6 pacientes e a 43 persoas en todo o territorio da Costa da Morte. Mediante esta moción tamén se demanda que o Servizo Galego de Saúde resolva o pagamento á empresa concesionaria dos servizos realizados e que non permita que este conflito sexa sufrido polos empregados, ademais de solicitar a outros concellos da Costa da Morte que se unan a esta petición. Por último, o BNG engadiu unha enmenda na que se solicita a dotación para a comarca dunha ambulancia medicalizada con sede en Carballo.

Renuncia da dedicación parcial de María Jesús Vázquez
O pleno supuxo, así mesmo, a renuncia da Concelleira delegada de Facenda e Patrimonio, María Jesús Vázquez Vázquez, á súa dedicación parcial aprobada no pleno de xullo de 2007. Os motivos foron unha oferta profesional que impide que a Concelleira manteña un horario continuado no Concello. Porén, María Jesús Vázquez continuará no seu cargo ata o mes de xuño, mantendo o seu compromiso, pero sen retribución económica. A sesión supuxo a comparecencia do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, a petición do grupo do PP, que se interesou fundamentalmente polos traballos de mellora da travesía de Malpica. Por último, o voceiro de Terra Galega, Manuel Andrade, comisionado polo pleno do 29 de novembro para acadar a adquisición de terreos para a ampliación do cemiterio de Berdillo, expuxo que os propietarios non acceden á venda do espazo necesario, e suxeriu que se elabore outro proxecto que recolla a vía da expropiación. O Goberno estudiará a viabilidade desta proposta.

Compartir: