Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición "Irmáns Mayo. A...

DE 18.00 A 21.00 HORAS NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA

A exposición "Irmáns Mayo. A Guerra Civil española" pode visitarse no Pazo da Cultura até o domingo 23 de xaneiro

Venres 14 de xaneiro do 2011

O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, explicou o día da inauguración da mostra, que leva en itinerancia algún tempo, que é "o testemuño visual dun conflito bélico que provocou unha profunda ruptura na sociedade española, que sumiu este país nunha longa noite de pedra". Tamén subliñou o compromiso de Julio Mayo -e dos seus compañeiros da axencia fotográfica- coa liberdade. Definiu as fotografías expostas "como imaxes audaces e desgarradoras sobre a Guerra Civil, e expresan o compromiso dun grupo de fotógrafos coa liberdade e a democracia". O fotoxornalista galego Xurxo Lobato salienta que o colectivo de fotoxornalistas Irmáns Mayo desenvolveu o seu traballo durante o enfrontamento bélico e "o seu compromiso desde a esquerda coa causa republicana, coa liberdade e a democracia valeulles aos seus integrantes o exilio e o cárcere". "Na figura do galego Julio Mayo, o último supervivente, queremos centrar a merecida homenaxe a este colectivo de fotógrafos", que durante o seu exilio en México realizaron máis de seis millóns de negativos, que agora se atesouran no Arquivo Xeral de aquel país.

O propio Julio Mayo quixo expresar, o día da inauguración da exposición na Coruña, a súa particular alegación contra a Guerra Civil, pois "a guerra non é algo para persoas civilizadas; a min que me tocou vivir esa guerra e como reporteiro gráfico cubrir as frontes de batalla", sentenciou o autor de moitas das imaxes. A mostra xa ten viaxado por distintos puntos de España, xa que se ten exhibido no Centro da Memoria de Salamanca, pasando, así mesmo, por outras importantes cidades españolas e do estranxeiro. Agora chega a Carballo para mostrar as expresións dos soldados, imaxes da División 43 entre a neve, as facianas da xente que pasou fame e dificultades, ou os prolegómenos da batalla do Ebro. Momentos claves dun conflito que marcou a historia do país e que foron plasmados por fotógrafos galegos nun percorrido por toda España. Os interesados e interesadas en visitar a exposición, poden facelo en horario de 18.00 a 21.00 horas na sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura até o domingo 23 de xaneiro.

Compartir: