Inicio Carballo ao día Hemeroteca O teatro abre o programa dos Venres Culturais coa...

VENRES 21 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS

O teatro abre o programa dos Venres Culturais coa compañía Obras Públicas e "Life is a paripé"

Mércores 19 de xaneiro do 2011

En canto aos intérpretes de "Life is a paripé", Iolanda Muíños é ben coñecida no mundo da interpretación. Nacida en Narón, entrou no mundo das curtametraxes a finais dos 90 participando en producións promovidas desde escolas audiovisuais de Barcelona e da Coruña. No principio da década seguinte chegoulle a oportunidade de interpretar papeis de reparto en títulos coñecidos da pequena e da grande pantalla. En 2003 ponse ás ordes de Alejandro Amenábar na longametraxe "Mar adentro". Emprendeu a súa carreira teatral en 1999 e ten traballado en montaxes do Centro Dramático Galego, Teatro do Atlántico ou Lagarta, Lagarta, con quen estivo en Carballo no FIOT con "Fobias". Pola súa banda, César Goldi, ou César Martínez Pérez, é natural de Bóveda, en Lugo. Actor de teatro desde os primeiros noventa, ten representado numerosas montaxes, ademais de participar no grupo de maxia e rock The Magical Brothers. Ten experiencia en presentación de actos, incluíndo as xiras do Xabarín Club, e en televisión, interpretando papeis para títulos como "Cuéntame" (TVE), "Petra Delicado" (La2) ou "Canalone" (Canal+). Tamén saiu en cine, con películas como "El rey de los huevones".

En canto á proposta, algunhas das críticas definen "Life is a paripé" como "cabaré para a guerra de todos os días" ou "teatro para escachar coa risa. Alegría pública. Esplosión controlada. Gargalladas tan grandes como edificios altísimos". Outras afirman que "a súa duración é de hora e media, pero, cando remata, quedamos con ganas de máis risa, máis cachondeo, máis sexo, máis drogas, máis rock'n'roll. O humor é o xénero máis difícil, pero cando se consegue semella algo fácil, sinxelo, lixeiro". E Bea Bravo afirma que "Obras Públicas bebe do mellor café teatro, o refuxio dos que aínda teñen ganas de desafiar ao establecido e de instaurar co respetable unha relación de proximidade. Cercano é case todo o que nos contan. Cun pouco de humor e autoconsciencia, todos podemos sentirnos identificados cos personaxes que desfilan enriba das táboas. E tranquilos, porque non somos nós os que seremos xulgados. Non fai falla moito en escena. Goldi, Mos e Iolanda Muíños propóñennos un espectáculo perfectamente medido e realizado para ter 75 minutos de liberdade. Ninguén volverá facer zapping igual. ¿Ante a crise? Humor".

Compartir: