Inicio Carballo ao día Hemeroteca Títeres Trompicallo presenta para os...

DOMINGO 23 DE XANEIRO ÁS 18.00 HORAS

Títeres Trompicallo presenta para os máis cativos e cativas "O día que chegou unha nube e choveu"

Mércores 20 de xaneiro do 2010

Había unha vez que non había nada máis que pedras. Entón chegou unha nube, choveu e formouse un manancial. Coa chegada da auga medrou a herba, e na herba, as flores e as árbores. Na auga naceron os peixes e as ras; despois chegaron os insectos, os paxaros, as ovellas, o lobo, en fin, a vida. Pero, que acontece cando un día a auga desaparece?. Este é o principal argumento dunha proposta que conta cunha única persoa na manipulación dos monicreques, Marián González, e que está dirixida por Luis González. A compañía Títeres Trompicallo inicia a sua andaina no ano 1997 integrada por Marian González, Eva Sanz e Luis González, profesionais do mundo dos monicreques que se xuntan co propósito de producir, investigar e difundir a arte dos títeres. Dende entón levan realizado varias producións, ata a actualidade, en que manteñen en cartel, ademais de "O día que chegou unha nube e choveu", "Violeta coletas contra as salchichas gulp" -que xa visitou Carballo- e "Bolboreta". A súa primeira produción foi "Manoladas", un espectáculo no que traballan a comunicación a partir da compenetración entre dous manipuladores e un títere.

En "Drácula", o seu segundo traballo, cambiaron para facer un espectáculo para adultos, recollendo o mito do cinema para, a través del, introducirse na alma do protagonista. Esta obra afonda nos sentimentos e nas contradicións do ser humano. A terceira produción da compañía é "Jiñol", unha historia dinámica e divertida, contada con títeres de luva, na que as distintas situacións da obra xiran entorno ao comportamento que os títeres teñen cun intruso. A evolución do conto desemboca nun inesperado final. Logo estrearon "Manolito Camaleón". O mesmo persoaxe que tan ben funcionou en "Manoladas" volve dar a cara cun aspecto camaleónico que anuncia as súas novas habilidades para transformarse nos mais diversos persoaxes cunha técnica renovada e perfeccionada. Con "Nadarín" mergulláronse en augas profundas da man (neste caso aleta) dun pequeno peixe que amosa os encantos e perigos da vida submarina. A forza destructiva do Peixe Grande, capaz de separa e dividir aos peixes para devoralos, plantexa un reto de supervivencia para este pequeno amigo. Trompicallo ten participado en numerosos festivais e actuado en numerosas vilas e cidades, sendo un dos seus logros a súa recente participación no Festival de Teatro de Almagro, ou a presenza hai uns anos no Festival Internacional de Titelles de Gavá, Barcelona.

Compartir: