Inicio Carballo ao día Hemeroteca A nova estación depuradora de augas de...

O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE VISITOU AS OBRAS

A nova estación depuradora de augas de Baldaio estará operativa a partires do segundo trimestre do ano

Venres 21 de xaneiro do 2011

A nova EDAR suporá a instalación de máis de 5.200 metros de novos colectores xerais con tubarías de PVC; tres impulsións con tubaría de fundición; e seis bombeos, situados nas áreas de Castrillón, Lema I e Lema II, Laguna, Pedra do Sal e Praia de Baldaio. Ademais, estanse a construír 3,6 quilómetros de novas impulsións, co que se logrará que os cidadáns conten cunha rede de abastecemento e saneamento que garantirá o servizo hidráulico no futuro. A depuradora é biolóxica de lodos activados mediante sistema de aireación prolongada con eliminación, ademais de desinfección por raios ultravioleta. A obra está sendo executada pola UTE Espina y Delfín, e dentro do contrato inclúese a explotación desta instalación por un período de tres anos dende a finalización dos traballos. A depuradora permitirá a eliminación das fosas sépticas no entorno da Lagoa de Baldaio, ademais de minimizar as verteduras neste espazo de especial relevancia ecolóxica. Agustín Hernández explicou a importancia de recoñecer "as peculiaridades das zonas rurais" para "mellorar a realidade da auga" e, no caso de Baldaio, acadar que nun prazo de tres a catro meses se evite "o deterioro do medio ambiente".

EDAR de Ardaña e Razo
O Concello de Carballo avanza así no proxecto de dotación de saneamentos na zona rural do municipio. Así, durante a visita tamén quedou constancia de que nestes momentos está a piques de entrar en servizo a Estación Depuradora de Ardaña, uns traballos realizados por CRC Obras e Servizos e cun orzamento de 2,1 millóns de euros. O 70 por cento do importe deste proxecto foi achegado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Fondos Feder). Esta estación dará servizo ás parroquias de Rus e Ardaña, cunha capacidade para unha poboación de 4.000 habitantes. Así mesmo, desde 2009 está en servizo a EDAR de Razo, instalacións que contaron cun investimento total de 1.520.475,73 euros, e que teñen como obxectivo depurar os vertidos do núcleo de Razo e facilitar a súa emisión ao medio mariño nas condicións axeitadas. A infraestrutura consta de dúas estacións de bombeo e a estación depuradora ten capacidade para abastecer a uns 4.000 habitantes, ao igual que no caso de Ardaña.

Compartir: