Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Feirón de Inverno dinamízase cun...

DOMINGO 30 DE XANEIRO DE 9.30 A 14.30 HORAS

O Feirón de Inverno dinamízase cun sorteo de vales de compra por 150 euros, con actuación musicais e coa cuarta Ruta do Pincho

Martes 26 de xaneiro do 2010

Pero a principal actividade das enmarcadas dentro do Feirón de Inverno é a celebración da II Ruta do Pincho de Inverno, a cuarta Ruta do Pincho en total dende a súa posta en marcha, que, como en cada edición, suporá que nos establecementos hostaleiros participantes se ofrecerá con cada consumición unha tapa elaborada de calidade ás horas de xantar e da cea durante as fins de semana. Nesta ocasión, a cita transcorre entre o sábado 29 de xaneiro e o domingo 6 de marzo, prolongándose até a primeira fin de semana de Antroido. Nesta edición hai varias novidades, a primeira delas é unha experiencia piloto que consiste en que cada local contará un pequeno expositor cedido polo Concello no que anunciar cada día o pincho que se vai ofrecer, para que os clientes o saiban con antelación, e no que recoller as tarxetas para participar no habitual sorteo. Unha vez rematada a Ruta, o Concello ofrecerá aos locais hostaleiros a posibilidade de quedar con este expositor para empregalo como punto de información turística, e contar con folletos para repartir nos seus locais. Outra das novas facianas da campaña é a súa duración, que se prolonga até o Antroido para que nesa última fin de semana poidan ofrecerse tapas típicas desas datas.

Así mesmo, nesta II Ruta do Pincho de Inverno haberá un único premio que se sorteará entre aquelas persoas que teñan completado a ruta ao completo, consumindo nos sete locais que participan nesta ocasión: Cafetería El Juzgado, Café-Vinoteca Ánfora, Restaurante Bergantiños, Restaurante O'Xabarín, Cafetería Habanos 79, Mesón Os Mareantes e Kasa Klandestino. O premio consiste nunha cea para dúas persoas por valor de 100 euros nun dos establecementos da Ruta do Pincho, que se sorteará entre todas as tarxetas introducidas polos clientes nas urnas de cada local. O sorteo realizarase no Museo de Bergantiños o día 08 de marzo ás 18.00 horas. Ademais, o día de inicio da Ruta do Pincho, sábado 29 de xaneiro, e o de peche, 6 de marzo, está prevista unha actuación musical. No caso do sábado 29 será o grupo Verdegaio, que tocará o acordeón polos bares e tabernas. O responsable do Café-Vinoteca Ánfora quixo animar a todos os hostaleiros carballeses a que participen nas próximas edicións da Ruta, especialmente pola importante participación en anteriores edicións, "incluso con xente de fóra chegada de Muxía, Arteixo ou incluso Coruña". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que estivo na presentación xunto do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, subliñou que a Ruta do Pincho constitúe "unha oportunidade magnífica" para desfrutar de Carballo, e resaltou a progresión de público nos locais participantes dende a primeira edición.

Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova: as bases do sorteo da Ruta do Pincho, información sobre as actuacións musicais previstas e un tríptico informativo sobre o Feirón de Inverno.

Compartir: