Inicio Carballo ao día Hemeroteca Teatro do Morcego presenta nos Venres Culturais o...

VENRES 28 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS

Teatro do Morcego presenta nos Venres Culturais o seu último espectáculo: "A Nona"

Mércores 26 de xaneiro do 2011

O elenco desta delirante comedia está formado por Miguel Pernas, Mundo Villalustre, Mónica Camaño, Elina Luaces, Miguel Varela, así como con César Martínez "Goldi" e Iolanda Muiño, que xa estiveron o venres 21 de xaneiro nos Venres Culturais abrindo o programa con "Life is a paripé", unha proposta que encontrou unha boa acollida entre o público coa súa mestura entre música, sátira, ironía, absurdo e humor. Todos eles están dirixidos por Celso Parada, fundador e director da compañía Teatro do Morcego. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, traballa no teatro dende 1976 como actor e director. Especializouse cun máster en Arte Dramático pola Universidade de Santiago e en 1989 funda o grupo Teatro do Morcego, adoptando a actuación como a súa vocación e profesión. Entre os seus traballos máis recentes están a película "A lingua das bolboretas" ou a serie "Libro de familia". Ten conseguido numerosos premios e mencións, como o Premio Compostela ao mellor actor ou o Premio María Casares á mellor versión teatral por "Lazariño de Tormes". Con "Misterio Cómico" acada os premios ao mellor actor e mellor director para Júlio Cardoso, nun dos espectáculos máis representados do teatro galego, superando as 300 funcións en xiras por Brasil e Arxentina.

Pola súa banda, o autor, Roberto Cossa, é un dos dramaturgos clave da literatura arxentina. Nacido en Bos Aires, a miúdo descrébese como actor frustrado. Comezou a actuar aos 17 anos nun teatro de barrio, pero pronto abandonou para dedicarse a escribir. Tamén exerciu o periodismo, pasando por diarios tan prestixiosos como "Clarín", "La Opinión" ou "Cronista Comercial". Nos seus comezos exerceu como corresponsal 'clandestino' de Prensa Latina, a axencia cubana de noticias, tendo recoñecido a súa admiración pola Revolución Cubana. A realidade social e política de Arxentina están habitualmente presentes nas súas obras. Entre os seus traballos destaca "El viejo criado", unha disección das miserias do seu país. Nas súas obras Cossa pasa revista á Arxentina do século XX, amosando o encerro e a pasividade que xermolaron na traxedia actual. Entre as súas obras de máis éxito está "A Nona", pero tamén "Yepeto", "Gris de ausencia" e "Tute cabrero", varias delas levadas ao cine. Nesta adaptación, a compañía respecta o espírito do autor orixinal e o seu xenio, nunha aposta con escenografía de Carlos Alonso, música e son de Anxo Graña, deseño de iluminación de David Deive e cunha duración de 90 minutos.

Compartir: