Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Telecentro xa conta cun PC adaptado para...

A INICIATIVA FORMA PARTE DO PROGRAMA TIC TAC ADAPTA

O Telecentro xa conta cun PC adaptado para persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motriz

Xoves 27 de xaneiro do 2011

Respecto dos dispositivos que se teñen instalado, hai que mencionar o rato de bola xigante adaptado, trátase dun dispositivo sinalador baseado nunha bola de desprazamento de grandes dimensións. Ten a mesma función que un rato convencional, pero con manexo e tecnoloxía diferentes. Está recomendado para aquelas persoas con problemas de motricidade nas extremidade superiores que poidan controlar o mouse coa punta dos dedos, a palma da man ou o pulso. Grazas ás súas dimensións e deseño, tamén está recomendado para cativos e cativas. O teclado simplificado de teclas grandes está recomendado para persoas con problemas de mobilidade e/ou visión. Adicionalmente, o seu simplificado deseño facilita o emprego de persoas con pouca experiencia en informática. O rato para queixo, ou emulador de rato, compórtase como un rato convencional e está especialmente deseñado para controlarse co queixo. O joystick permite desprazar o cursor, podendo activarse cos pulsadores as funcións habituais asociadas aos clics dos ratos. O PC tamén conta cun rato de bola pequena, un trackball deseñado para poder se empregado con calquera das dúas mans. A súa ampla superficie permite que a man repouse nel completamente, proporcionando unha grande comodidade ao usuario. O seu deseño tamén contribúe a reducir a fatiga e a aforrar espazo no lugar de traballo.

Por último, o novo PC adaptado conta cun rato tipo joystick. Trátase dunha ferramenta moi versátil, xa que ten sido deseñado especificamente para permitir o acceso ao ordenador dos usuarios e usuarias que teñen un limitado control das mans, dificultades motoras, que carecen de boa coordinación entre os ollos e as mans, que non teñen destrezas manuais ou que contan con espasmos musculares involuntarios. É unha ferramenta especialmente axeitada para mellorar o acceso dos nenos e nenas e os mozos e mozas con necesidades educativas especiais, dificultades de aprendizaxe ou para aqueles cuxo traballo implica longos períodos de emprego do ordenador. Tamén é axeitado para persoas maiores e para usuarios e usuarias con dificultades motrices. Ademais da instalación de dispositivos en bibliotecas, telecentros, centros culturais, residencias universitarias ou centros cívicos, o programa Tic Tac Adapta realiza accións de formación individualizadas para os responsables dos centros nos que se instala o equipo para resolver as súas dúbidas e que aprendan a empregar os dispositivos cun experto; prepara xornadas formativas en grupo nas que os responsables dos centros poden compartir as súas inquedanzas con outros compañeiros, contar experiencias e aprender máis sobre discapacidades; e organiza xornadas de difusión nas que participan, non só os responsables dos centros, pero tamén as persoas con discapacidades que contan a súa experiencia real a familiares, asociacións, profesionais ou calquera usuario do centro co obxectivo de colaborar e aprender.

Compartir: