Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Padroado Deportivo Municipal ten incrementado...

O NIVEL DE AUTOFINANCIAMENTO DO ORGANISMO É DUN 52 POR CENTO

O Padroado Deportivo Municipal ten incrementado nun 44 por cento os seus ingresos entre 2009 e 2010

Venres 28 de xaneiro do 2011

Marcos Trigo salienta que as previsións avanzan que a tendencia á alza nos ingresos manterase alomenos no ano 2011, cun financiamento municipal máis liberado e cun Padroado que "reforza o seu labor". Outro dos datos positivos que reflicte o organismo é o incremento no número de abonos, que aumentaron nun 67 por cento respecto a 2009 con 1.992 (794 máis). No que respecta ao número de abonados, sumando os bonos familiares (que acollen aos pais dunha unidade familiar e aos fillos menores de 18 anos) e os individuais son 3.840, cunha suba dun 74 por cento no último ano e 1.637 persoas máis que en 2009. O balance tamén recolle o número de accesos rexistrados nas piscinas Vila de Noia e Carballo Calero, que chegaron a 162.475 durante o ano pasado, con 87.499 na piscina Vila de Noia e 74.976 na Carballo Calero, con "números case de récord" en verbas de Evencio Ferrero. Ademais, estes números rexistran tan só os accesos que os abonados realizan coa tarxeta, xa que sumando os accesos libres dos veciños e veciñas, chegan a ser preto de 190.000. Os números tamén recollen as actividades desenvolvidas durante 2010, como cursiños de natación, de ximnasia de mantemento, ou na sala de fitness. O total de inscritos foi de 2.876, con 773 persoas máis que en 2009. No caso da ximnasia, cubríronse todas as prazas e a sala de fitness contou con 606 inscritos.

No que respecta ao orzamento global do Padroado Deportivo Municipal, ascende a 983.774 euros, cun superávit de 55.372 euros. Estas contas inclúen non só o mantemento das piscinas municipais, senón tamén o de todas as instalacións, dende os campos de fútbol ata os polideportivos, ademais da organización doutras actividades. Así mesmo, o Padroado Deportivo Municipal acadou os obxectivos plantexados a principios do ano 2010, que eran lograr un autofinanciamento por ingresos propios do 42 por cen, chegándose ao 52 por cento; calcular a práctica deportiva de toda a poboación do Concello de Carballo, datos recollidos pola Guía Carballo Deporte; incrementar as actividades e programas de actividade física deportiva nun 10 por cento, o que se acadou coa implantación de novas actividades, especialmente na nova piscina Vila de Noia; e incrementar nun 10 por cento a participación do deporte en idade escolar, outro obxectivo conseguido. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar que estes datos, especialmente os económicos, obtéñense nun momento de crise e recesión e "sen tocar para nada o prezo dos abonos dende o ano 2003". Pola súa banda, Marcos Trigo quixo resaltar tamén o balance social positivo, non só o dos números "con servizos e actividades para toda a cidadanía, dende os máis cativos e cativas á terceira idade". Tamén manifestaron a vontade de seguir traballando para manter "a calidade deportiva en Carballo" en 2011.

Compartir: